Luisa Piñeiro ofrece a "colaboración e dispoñibilidade" da Xunta co concello da Cañiza na súa primeira visita institucional

A delegada territorial en Pontevedra garantiu un contacto “periódico e constante” e recibiu o agradecemento do alcalde Luis Piña pola reunión

A representante autonómica recolle as novas demandas, centradas en traídas, saneamentos e urbanismo, tras destacar os máis de 10 millóns de investimentos do executivo galego nos últimos catro anos
 

A Cañiza (Pontevedra), 4 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional ao Concello da Cañiza no marco da rolda que está a celebrar polos 47 municipios da área territorial e ofreceu a “máxima colaboración e dispoñibilidade” do executivo galego coas súas necesidades tras manter unha xuntanza de traballo co alcalde, Luis Piña.

A representante autonómica, que felicitou ao Concello polo 200º aniversario da súa constitución, recolleu como principais demandas do municipio a mellora das traídas de auga do abastecemento para consumo humano, cuxo proxecto xa foi redactado polo executivo galego, os sistemas de saneamento e depuración, especialmente na zona rural, e a posibilidade de acometer un proxecto de infraestruturas que permita sacar o tráfico pesado do centro urbano na súa conexión coa autovía.

Así mesmo, as demandas do rexedor centráronse en aspectos urbanísticos, xa que pretende optar novamente a fondos do Plan Hurbe para a calzada e os aparcadoiros da área de reparto 3 despois de que a Xunta lle concedera tres subvencións consecutivas ao abeiro deste programa, por un importe global de máis de 150.000€, para actuar nas rúas Progreso e Carballeira, o entronque coa zona do Regueiro e o Parque da Carballeira.

Tras o encontro, Luisa Piñeiro, que recibiu o agradecemento do alcalde pola visita, garantiu que o contacto co Concello da Cañiza será “periódico e constante no marco da política de cercanía da Xunta cos concellos e os cidadáns” e destacou o “compromiso” do goberno galego con este municipio da bisbarra da Paradanta despois de investir máis de 10 millóns de € nos últimos catro anos, destacando os preto de 1,3 millóns para a rehabilitación enerxética e funcional do colexio público e a ampliación dos obradoiros do IES.
 

Imaxes relacionadas