A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe o dispositivo de Plan de Vialidade Invernal na provincia de Lugo

Ethel Vázquez avanza o inicio a vindeira semana da execución da primeira fase da conversión en autovía da vía de alta capacidade Nadela-Sarria, na que a Xunta investirá 24,6 millóns de euros

Trátase da primeira autovía autonómica da provincia, libre de peaxe, que comezará polo treito de 11,5 quilómetros entre A Pobra e San Xiao e Sarria centro

Vázquez Mourelle contrapón o compromiso da Xunta polas obras públicas como motor da reconstrución, fronte ao “abandono” por parte do Goberno de España das necesidades da rede viaria de Galicia

Amosa a preocupación pola desaparición de investimentos nos Presupostos Xerais do Estado para a autovía Lugo-Ourense, a Autovía da Mariña ou a Autovía Ourense-Ponferrada, que a Xunta tratará de solucionar impulsando emendas

Pon o acento nas actuacións da Xunta para garantir a mobilidade en condicións de máxima seguridade na rede de estradas de titularidade autonómica, que destina 50 millóns de euros cada ano á súa conservación

Destaca o despregue activado nos case 1.500 km de estradas da Xunta na provincia para estar preparados ante fenómenos meteorolóxicos adversos, cun dispositivo integrado por 120 profesionais, 22 camións e máis de 1.700 toneladas de fundentes

O Incio (Lugo), 4 de novembro de 2020

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe o inicio, a vindeira semana, da execución da primeira fase da conversión en autovía da vía de alta capacidade Nadela-Sarria, na que a Xunta investirá 24,6 millóns de euros.

A conselleira, que se desprazou hoxe co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, ao centro de conservación e explotación do Inicio para supervisar o operativo disposto nas estradas da Xunta no marco do Plan de Vialidade Invernal, informou do inminente inicio da construción da primeira autovía autonómica da provincia, libre de peaxe, mediante o desdobramento do corredor entre Sarria e Lugo.

Esta obra empezará a executarse no treito que os técnicos sinalan como pritoritario: 11,5 quilómetros entre A Pobra e San Xiao e Sarria centro, tras ser licitada o pasado mes de xaneiro e poder adxudicarse en verán, a pesar de todas as dificultades derivadas da covid-19.

Ethel Vázquez sinalou que o impulso desta autovía, libre de peaxe, demostra o compromiso e a vontade da Xunta de apostar polas obras públicas como motor dunha imprescindible reconstrución económica.

Subliñou o compromiso da Xunta coas necesidades de mobilidade dos galegos e, moi especialmente, dos cidadáns do interior, que contrasta, dixo, co “abandono” por parte do Goberno de España das necesidades da rede viaria de Galicia, que veñen de pór de manifesto os Presupostos Xerais do Estado para 2021.

Lamentou a desaparición de investimentos nos Orzamentos do Estado en eixes tan importantes como a autovía Lugo-Ourense, a Autovía da Mariña ou a Autovía Ourense-Ponferrada. Son ausencias, afirmou a conselleira, “moi preocupantes, que desde a Xunta trataremos de solucionar con emendas aos Presupostos Xerais do Estado”.

Plan de vialidade invernal

A titular do departamento de Infraestruturas incidiu nas actuacións da Xunta para garantir a mobilidade en condicións de máxima seguridade a todos os cidadáns que a diario empregan a rede de estradas de titularidade autonómica. Isto, engadiu, implica un gran esforzo orzamentario, que supón destinar uns 50 millóns de euros cada ano á súa conservación.

Destacou, tamén, o traballo da Xunta para estar preparados ante fenómenos como chuvias intensas, neve ou xeadas, característicos desta época do ano, que poden dificultar a circulación nas estradas.

A este respecto, abundou no Plan de Vialidade Invernal, activado o pasado 1 de novembro nas provincias de Lugo e Ourense, e que o vindeiro día 15 de novembro estará operativo tamén nas provincias da Coruña e de Pontevedra, manténdose activo en toda Galicia ata o 30 de abril.

Trátase dun amplo dispositivo de medios materiais e humanos, preparado para actuar e facer fronte aos efectos da climatoloxía adversa e garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 km de estradas de titularidade da Xunta, que presta especial atención aos 1.000 km de estradas que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por neve ou xeo.

Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

Ethel Vázquez explicou que, no marco deste plan, para atender os case 1.500 km de estradas da Xunta na provincia de Lugo, traballan uns 120 profesionais, que operan desde os 6 centros de conservación e explotación, dotados con máis de 1.700 toneladas de acopios de fundentes e 22 camións.

No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e máis de 460 os profesionais que velarán pola seguridade das estradas de titularidade da Xunta.

Imaxes relacionadas