Luisa Piñeiro supervisa o reforzo do firme da PO-308 en Sanxenxo e Portonovo cun investimento da Xunta de 245.605€

A delegada, acompañada do xefe territorial de Infraestruturas e do alcalde de Sanxenxo, visita a fase final dos traballos en dous treitos de 1.520 metros

A actuación realízase entre a glorieta da estación de autobuses e o paseo de Baltar e inclúe o seu fresado para corrixir o deterioro do pavimento actual
 

Sanxenxo, 3 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, vén de supervisar as obras de reforzo e mellora do firme da estrada autonómica PO-308 entre as vilas de Sanxenxo e Portonovo, que contan cun investimento de 245.605€ da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

A representante autonómica, acompañada do xefe territorial deste departamento, José Luis Díez, e do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, subliñou o “indubidable compromiso da Xunta coa seguridade vial e coa implantación das axeitadas condicións de mobilidade e tráfico, xa que neste momento están previstas cinco actuacións destas mesmas características noutras tantas estradas da provincia por máis dun millón de euros”. Nesta liña, inclúense tamén a PO-223 (Pontevedra-Campo Lameiro), PO-224 (Ponte Bora-San Antoniño), PO-300 (Mosteiro-Cambados) e PO-305 (Saiar-Vilagarcía).

A actuación que se está a desenvolver neste municipio do Salnés comprende dous treitos que suman 1.520 metros de lonxitude e que transcorre entre a glorieta da estación de autobuses de Sanxenxo e o paseo de Baltar, xa en Portonovo. En concreto, estase a proceder ao fresado, de ata dez centímetros, da actual capa de rodadura, xa que presenta certos graos de deterioro e descomposición que fan preciso eliminala antes da dotar a esta estrada dunha mistura bituminosa en quente para a súa nova calzada.

Posteriormente, acometerase a reposición de todas as marcas viais, con máis de 7.000 metros lineais, e pintaranse preto de 750 metros cadrados de superficie para símbolos e cebreados co obxectivo de reforzar a seguridade vial.

Ao remate da visita, Luisa Piñeiro cualificou de “importante” esta mellora na infraestrutura exterior de conexión entre Sanxenxo e Portonovo “polo envellecemento de parte do seu firme e pola necesidade de modernizar esta vía ante a súa elevada Intensidade Media Diaria (IMD) a causa do gran uso da mesma que fan os veciños e tamén os moitos visitantes que acuden regularmente ao municipio”.
 

Imaxes relacionadas