A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou esta mañá o acordo, polo que os tres concellos levan recibido máis de 6,6 millóns de euros

A Xunta asina o convenio de colaboración cos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña en compensación pola explotación do encoro do Umia, por un importe de preto de 400.000 euros

Os tres concellos benefícianse anualmente desta achega económica para o financiamento de actividades educativas e sociais nos seus municipios

Neste acordo tamén participa como entidade colaboradora a Deputación Provincial de Pontevedra, que asume o labor de administrar estes fondos autonómicos entre os tres concellos e de velar pola súa correcta aplicación

Cada un destes municipios recibirá máis de 130.000 euros de Augas de Galicia

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou esta mañá o convenio de colaboración cos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, en compensación pola explotación do encoro do Umia, por importe de 392.535 euros.

Mediante este convenio, os tres concellos benefícianse anualmente desta achega económica, a través de Augas de Galicia, para o financiamento de actuacións educativas e sociais nestes tres municipios da provincia de Pontevedra.

Os concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña benefícianse cada ano da achega económica á que está obrigada a empresa concesionaria da explotación hidroeléctrica da presa de Caldas de Reis. No convenio tamén participa como entidade colaboradora a Deputación Provincial de Pontevedra, que asume o labor de administrar estes fondos autonómicos entre os tres concellos e de velar pola súa correcta aplicación.

A cantidade achegada por Augas de Galicia é de algo máis de 130.000 euros para cada un destes municipios, que poderán financiar con cargo a estes fondos actividades educativas e sociais que se organicen desde o día 1 de xaneiro de 2020 e ata o 31 de decembro deste mesmo ano.

Desde o ano 2002, a Xunta de Galicia asignou de 6,6 millóns de euros en concepto de canon de explotación do encoro de Caldas de Reis a estes municipios, que serviron para financiar actividades educativas, culturais e de asistencia social dos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.

Mediante este convenio, a Xunta incentiva axudas á xestión municipal e impulsa a colaboración entre administracións.