Tres centros educativos da provincia de Ourense incorpóranse ao programa Radio na Biblio

O programa ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar

Santiago de Compostela, 02 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia vén de incorporar un total de 3 centros educativos da provincia de Ourense (30 en toda Galicia) ao programa Radio na Biblio. Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.

Coas novas incorporacións, en total participan nesta iniciativa este curso un total de 109 centros públicos de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) de toda Galicia, 11 deles da provincia de Ourense.

Os novos centros seleccionados recibirán 2.000 € de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación). Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.

Así mesmo, os centros que xa participaron en Radio na Biblio en cursos anteriores e renovan recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

Os centros de nova incorporación da provincia de Ourense son os que se relacionan na seguinte táboa:

 

PROVINCIA
CONCELLO
CENTRO
Ourense
Ourense

CEIP P. Amadeo Rodríguez Barroso

Ourense
Rúa, A

IES Cosme López Rodríguez

Ourense

Xunqueira de Ambía

CEIP Padre Crespo

Plan LÍA

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

Neste sentido a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia dos centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.

Ademais, a experiencia dun bo número de bibliotecas escolares vinculadas a este programa durante o período de cese de actividade presencial nos centros durante a primavera de 2020, por mor da covid-19, puxo de manifesto as posibilidades desta ferramenta para desenvolver actividades educativas a distancia, con capacidade para vincular ao alumnado ao ámbito educativo e para conectar á comunidade escolar arredor dunha proposta temática.