A Xunta trasládalle ao Ministerio de Transportes a Declaración Institucional de apoio ao impulso da autovía entre Macedo de Cavaleiros, Vinhais e A Gudiña
O Executivo autonómico tamén lle remitirá ao Goberno portugués esta declaración asinada coa Deputación de Ourense e 17 municipios da Raia luso-ourensana
A Xunta insta ao Goberno estatal a incluír o proxecto nos plans que Portugal e España presentarán á UE para captar fondos para infraestruturas transfronteirizas
A Xunta destaca o carácter estratéxico da conexión entre o nordeste de Portugal e a estación de AVE da Gudiña para incrementar a competitividade dos dous territorios
A Xunta deu traslado ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana da declaración institucional de apoio ao impulso da autovía entre Macedo de Cavaleiros, Vinhais e A Gudiña.
O Executivo autonómico tamén lle remitirá ao Goberno portugués esta declaración asinada pola Xunta, a Deputación Provincial de Ourense e 17 municipios da Raia luso- ourensana.
A Xunta insta ao Goberno estatal a reflexionar sobre a exclusión deste proxecto no Cumio Ibérico do 10 de outubro, lembrándolle que hai prazo para incluílo nos plans que Portugal e España agardan presentar á Unión Europea para captar fondos para infraestruturas transfronteirizas.
A declaración está respaldada, en Galicia, pola Xunta, a Deputación Provincial de Ourense e os municipios da Gudiña, Riós, Cualedro, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso.
No caso de Portugal, asinan a Declaración as cámaras municipais de Vinhais, Miranda do Douro, Mirandela, Macedo de Cavaleiros, Alfandega da Fé, Mogadouro e Vila Flor.
O obxectivo é promover a execución, por parte dos Gobernos de España e Portugal, dunha autovía que, partindo do municipio luso de Macedo de Cavaleiros, chegue ata a Autovía das Rías Baixas e á estación do AVE do concello galego da Gudiña.
O Goberno galego destaca o carácter estratéxico desta conexión para proporcionarlles ás economías dos dous territorios, ás empresas e aos cidadáns unha maior competitividade e aproveitar ao máximo as sinerxías da alta velocidade a Galicia.
A nova infraestrutura viaria facilitaríalle o acceso á Autovía das Rías Baixas e ao AVE Madrid-Galicia a unha poboación de 200.000 cidadáns.