A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visita ás asociacións de veciños de Lavadores, Teis, Cabral e o Calvario

Marta Fernández-Tapias puxo en valor a decidida aposta do Goberno galego por fomentar o movemento veciñal, cunha liña de apoios para obras e equipamento que este ano beneficiou con máis de 623.700 euros a 47 entidades da área viguesa

Vigo, 30 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta semana ás asociacións de veciños de Lavadores, Teis, Cabral e o Calvario. Unha xuntanza que serviu á representante autonómica para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e necesidades.

Neste contexto, a Fernández-Tapias puxo en valor a decidida aposta do Goberno galego por colaborar con estas organizacións co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e contribuír a unha maior dinamización do movemento veciñal. Segundo indicou, parte deste compromiso ten o seu reflexo no marco das subvencións incluídas no Plan de Acción Comunitaria.

A orde estivo dotada este ano con 2,5 millóns de euros, o que permitiu chegar a 190 asociacións de toda Galicia. Na área de Vigo, o número de entidades beneficiarias ascende a 47, ás que se destinou case 624.000 euros.

Ademais, nos últimos cinco anos, o investimento da Xunta acadou preto de 10,5 millóns de euros destinados a financiar 978 proxectos de asociacións de veciños, de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas. As axudas van dirixidas a financiar tanto obras nos locais sociais e instalacións comunitarias como á adquisición de equipamentos, así como a reparación de traídas de auga veciñais.
 

Imaxes relacionadas