Luisa Piñeiro analiza unha decena de proxectos co alcalde Pablo Castillo na súa visita institucional a Covelo

A solicitude de Obradoiro de Emprego, a área de autocaravanas, o saneamento, os investimentos do GDR e a aldea modelo son os obxectivos máis inmediatos

A delegada territorial da Xunta tamén recibíu outras peticións a medio prazo en materia industrial, social, de vivenda e de infraestruturas
 

Covelo, 29 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, con motivo da súa primeira visita institucional ao municipio, na que se analizaron unha decena de proxectos estratéxicos para este concello da bisbarra da Paradanta.

A representante autonómica pechou co rexedor, como obxectivos máis inmediatos, a resolución da solicitude do Obradoiro de Emprego “Medrando entre Todos”, de xeito compartido con Mondariz, a construción dunha área de autocaravanas con axuda de Turismo de Galicia, a execución de novos proxectos de saneamento, os investimentos dos fondos europeos a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), que agora preside o propio Pablo Castillo, e o desenvolvemento de proxectos de aldea-modelo impulsados pola Consellería de Medio Rural.

Así mesmo, a delegada territorial tamén recibíu outras peticións referidas ao goberno galego, aínda que circunscritas a un ámbito de medio prazo, segundo especificou o rexedor. Entre as mesmas figuran actuacións de desenvolvemento de espazos de carácter industrial, a posibilidade de dotarse dalgún equipamento social e de atención á terceira idade ou algunha acción en materia de vivenda, preferentemente de carácter social.

Por outra banda, o alcalde de Covelo tamén solicitou a intermediación da Xunta para tentar acadar un acceso de toda a contorna da Paradanta coa Autovía A-52, dependente do Estado, en dirección a Ourense, xa que na actualidade é preciso desviarse durante dez quilómetros por Fontefría para poder facer esta conexión. A delegada comprometeuse a trasladar esta solicitude de xestión ao departamento autonómico de Infraestruturas.

Finalmente, Pablo Castillo agradeceu a visita, felicitou a Luisa Piñeiro polo seu nomeamento e valorou o seu carácter municipalista e achegado á realidade dos concellos tras case unha década como alcaldesa de Moraña. Pola súa banda, a delegada territorial comprometeuse a visitar novamente Covelo en próximas semanas tan pronto como haxa novidades e se materialicen as primeiras actuacións da Xunta.
 

Imaxes relacionadas