A Xunta licita o contrato de explotación da estación de autobuses de Vigo por valor de 775.000 euros

As empresas interesadas neste contrato, por un período inicial de 1 ano e prórroga por outro ano máis, poderán presentar as súas ofertas ata o día 25 de novembro

O contrato inclúe a xestión do servizo da terminal, a explotación dos locais, servizos complementarios e das zonas comúns, xunto coa explotación publicitaria
 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

A Xunta publica hoxe, na Plataforma de contratos públicos de Galicia, a licitación do contrato de explotación da estación de autobuses de Vigo, por un valor estimado de 775.000.

En virtude do contrato, a entidade concesionaria asumirá a xestión da terminal de autobuses da Xunta, na Avenida de Madrid, por un período inicial de 1 ano, cun valor inicial de máis de máis de 387.000 e a posibilidade de prórroga por outro ano máis, ata acadar os 775.000 euros.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o día 25 de novembro.

O contrato de concesión licitado hoxe inclúe a xestión do servizo público correspondente á terminal de autobuses, a xestión e explotacións dos locais e servizos complementarios, das zonas comúns da terminal e tamén a explotación publicitaria.

A licitación da explotación da terminal de autobuses de Vigo ten como obxectivo garantir a prestación deste servizo público, toda vez que o actual servizo de explotación remata a finais de xaneiro do vindeiro 2021.

O anuncio publicado hoxe, recolle o orzamento base da concesión por 49.300 euros en concepto de compensación por obrigas de servizo público.