Xunta e Fiscalía reúnense para coordinar accións en materia de prevención do absentismo escolar

O conselleiro Román Rodríguez e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, puxeron de manifesto que, no actual contexto covid, todas as decisións neste ámbito teñen que ser abordadas desde unha perspectiva sanitaria

En novembro vanse constituír as comisións provinciais de seguimento do absentismo, unha casuística moi residual en Galicia incluso no actual contexto de pandemia, pero que cómpre avaliar para garantir o dereito á educación

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo unha reunión de traballo co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, para abordar o absentismo escolar e coordinar accións de prevención desta conducta nos centros educativos.

Trátase do primeiro encontro entre a Fiscalía −no que tamén participaron os fiscais de Menores das catro provincias− e o novo equipo da Consellería de Educación co fin de afondar en vías de diálogo e reforzar as canles de comunicación con respecto a todos aqueles aspectos do ámbito educativo que atinxen a ambos organismos, como é o caso do da prevención do absentismo e a mellora da convivencia escolar, entre outros.

Con respecto ao absentismo, na reunión telemática púxose de manifesto a prioridade é garantir o dereito á educación, xa que a escolarización é unha obriga para os nenos de entre 6 e 16 anos, agás casos xustificados desde unha perspectiva sanitaria.

Ratificouse, por tanto, que os casos de non asistencia á clase, desde a perspectiva da actual situación covid, deben abordarse sempre desde un prisma sanitario, e estar avalados polos informes médicos correspondentes, na liña do expresado pola Avogacía do Estado.

Tanto Xunta como Fiscalía coincidiron en que o absentismo escolar, mesmo no actual contexto de pandemia, é unha dinámica moi residual, se ben é importante analizar todas as casuísticas concretas, coñecer a orixe deste comportamento e acadar unha solución, sempre en beneficio do menor.

Análises de casos

Neste sentido, a Consellería informou á Fiscalía que se está traballando na creación de comisións provinciais de seguimento do absentismo escolar que dean apoio aos centros educativos mediante un seguimento especial destes casos derivados do contexto covid, ao tempo que exerzan de canle de comunicación entre administracións no que atinxe aos distintos trámites e documentación que hai que xestionar ante un caso de non asistencia a clase.

Estas comisións, que se constituirán ao longo do mes de novembro, estarán integradas por representantes das áreas de educación, sanidade, servizos sociais e menores das administracións autonómica e local. O obxectivo é obter a máxima e máis detallada posible información sobre casos concretos que permitan tomar as decisións máis axeitadas, tendo en conta todas as variables que poden concorrer para cada situación.

Trátase, en definitiva, de reforzar a atención e seguimento das variables casuísticas vinculadas aos posibles casos derivados da actual situación hixiénico-sanitaria, coa finalidade de garantir os dereitos do alumno e o dereito á educación.

Imaxes relacionadas