A Xunta licita a restauración da igrexa de Santo Estevo de Negros en Redondela

Cun orzamento de preto de 62.000 euros, a intervención ten como obxectivo resolver os problemas de estanqueidade e ventilación do templo

A igrexa data do século XIX e ten consideración de ben catalogado

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2020

A Xunta de Galicia vén de licitar a obra de restauración da igrexa de Santo Estevo de Negros, no concello de Redondela, unha intervención que ten como obxectivo resolver os problemas de estanqueidade e ventilación deste templo, que data do século XIX e ten consideración de ben catalogado.

Cun orzamento de licitación de 61.816,35 euros, o programa de necesidades inclúe o cambio completo de cuberta da nave da igrexa. No caso da cubrición do cabido, ademais de renovala modificarase a súa pendente, co fin de mellorar a evacuación de augas pluviais. Así mesmo mudaranse as fiestras por outras novas con perfís de aceiro inoxidable mate que incorporen ventilación permanente.

A actuación inclúe tamén a substitución da marquesiña de chapa metálica do acceso á sancristía por unha nova con estrutura de madeira e tella.

Con esta restauración a Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá solución a algúns dos problemas derivados da última intervención neste ben, no ano 2002, cando se substituíron todas as cubertas e se construíu un cabido sobre columnas cadradas, cuxa cuberta foi executada con menos pendente da orixinal, que resultou moi escasa para a correcta evacuación das augas de choiva. Ademais, as solucións de cubrición adoptadas naquel momento resultaron non ser axeitadas.

A maiores de resolver a entrada de auga e a ventilación, o fin último desta obra é a posta en valor deste ben para que poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sustentable e a promoción socio cultural, laboral e económica do ámbito territorial no que se atopa, aplicando criterios e políticas de actuación que persigan, ademais, o desenvolvemento local, a creación ou promoción do emprego e o respecto polo medio ambiente.

Aposta decidida en Patrimonio

A actuación levada a cabo en Redondela enmárcase no importante compromiso por parte da Administración autonómica desde o punto de vista do patrimonio cultural. Así, nos últimos meses púxeronse en marcha diferentes actuacións na provincia de Pontevedra entre as que se inclúe, ademais da igrexa de Santo Estevo de Negros, a restauración da igrexa de Santa María de Baiona, rematada recentemente e que contou cun investimento de 455.000 euros, ou a rehabilitación de Santa María a Maior de Pontevedra, con 275.000 euros.

Imaxes relacionadas