Rodríguez Miranda visita a asociación de empresarios do Milladoiro que pon a disposición dos emprendedores galegos retornados tres locais listos para iniciar novos proxectos

O secretario xeral de Emigración coñeceu os espazos ofertados polos empresarios desta localidade

Recordou que os interesados aínda teñen ata o próximo 30 deste mes para solicitar as axudas ao fomento do autoemprego e a actividade emprendedora de persoas galegas retornadas

 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodíguez Miranda, visitou esta mañá a Asociación de Empresarios de Milladoiro, Palmira Boulevar, para coñecer a iniciativa que están a levar a cabo co obxectivo de recuperar locais para o comercio local e poñelos a disposición de emprendedores retornados.

O presidente da asociación, José Manuel Fernández Gómez, explicou a Rodríguez Miranda que se trata de tres locais que foron reformados e preparados para que os interesados poidan poñer en marcha de xeito inmediato o seu negocio. Un deles, incluso, xa conta cunha liña de explotación concreta coma vinoteca e degustación de queixos e conservas.

O secretario xeral destacou a importancia de que asociacións de empresarios como a de Milladoiro sirvan de referencia e acollemento a emprendedores galegos que desexen iniciar unha nova vida en Galicia. “Estar apoiados e acompañados é moi importante, en especial, en ámbitos como o administrativo ou a través da minimización de gastos”, engadiu Antonio Rodríguez Miranda.

Os interesados terán que presentar un plan de traballo para garantir que o seu proxecto conta con viabilidade e estabilidade e tamén deben ter unha estratexia de dinamización e competencias no eido dixital. Para máis información poden dirixirse ao enderezo electrónico: asociacionpalmirabulebar@gmail.com.

Remate do prazo das axudas ao retornado emprendedor

O secretario xeral recordou neste senso que continúa aberta, ata o próximo 30 deste mes, a convocatoria da liña de axudas ao retornado emprendedor, un programa deseñado co obxectivo de colaborar cos galegos do exterior que regresan á comunidade para poñer en marcha un negocio propio.

“Iniciativas como a que hoxe preséntanos a Asociación de Empresarios de Milladoiro son moi atractivas para este tipo de emprendedor que quere iniciar unha nova aventura empresarial en Galicia e que ve, no apoio deste tipo de entidades, un importante puntal para poñer en marcha o seu propio negocio e volver a empezar”, engadiu Rodríguez Miranda.

O prazo para a solicitude destas axudas finaliza o próximo 30 deste mes, e están dotadas cun orzamento de 400.000 euros. Deste xeito, o apoio económico fíxase nunha contía fixa de 5.000 euros para cada persoa retornada emprendedora, que poderá incrementarse ata 1.000 se é muller, e ata outros 2.000 máis se o negocio está establecido nun concello rural.

A este programa da Xunta poderán acollerse os galegos de nacemento, os seus cónxuxes ou persoas cunha unión análoga á conxugal e os descendentes das persoas galegas e nadas en Galicia que, residindo fóra de España, establézanse na Comunidade Autónoma galega.

Tamén remata o próximo 30 deste mes o prazo para solicitar as axudas extraordinarias a persoas emigrantes retornadas. Poderán ser beneficiarios destas axudas os galegos e galegas que regresaran á comunidade dende o exterior nos últimos dous anos e que necesitan facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da súa volta a Galicia. Trátase dun pago único que conta cun orzamento total de 1,9 millóns de euros.

O obxectivo é facilitar o retorno a aqueles galegos que desexen regresar a súa terra, e inclúe un complemento de 1.000 euros para as familias por cada filla ou fillo menor de idade ata o segundo, e de 1.500 para o terceiro e sucesivos.

A solicitude destas axudas pode realizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente no Rexistro ordinario da Xunta. As persoas interesadas poden obter máis información no seguinte enlace: https://emigracion.xunta.gal/es/actividad/retorna
 

Imaxes relacionadas