A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou na posta en servizo do treito Zamora-Pedralba da liña de alta velocidade Madrid-Galicia

Galicia e Castela León pídenlle ao Goberno de España que aposte polo Corredor Atlántico como motor para unha reconstrución equilibrada

Vázquez Mourelle salienta que un noroeste máis vertebrado e competitivo é un activo ao servizo do progreso e do benestar do conxunto de España

Solicítalle ao Goberno central axilidade nas obras do treito final do AVE e información veraz sobre o seu ritmo para planificar con acerto o futuro de Galicia

Destaca que a Xunta aspira a que as 7 cidades galegas accedan a unha conexión ferroviaria con Madrid competitiva en tempo e propia do século XXI en prestacións

Pon como exemplo as liñas Ourense- Santiago e o Eixo Atlántico Ferroviario, que proporcionan conectividade interna e están entre os traxectos de media distancia máis empregados e con maior incremento
 

Palacios de Sanabria (Zamora), 26 de outubro de 2020

Galicia e Castela e León pídenlle ao Goberno de España que aposte polo Corredor Atlántico como motor para unha reconstrución equilibrada.

Así o manifestou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que participou no acto institucional de posta en servizo do treito Zamora- Pedralba da liña de alta velocidade Madrid-Galicia.

Fixo fincapé en aproveitar e reforzar os valores do noroeste, que é fachada Atlántica e conta con portos de gran potencia, ten un vínculo único con Iberoamérica e Portugal, é un destino turístico en auxe e conta con industrias punteiras en diversos sectores.

Salientou que un noroeste máis vertebrado e competitivo é un activo ao servizo do progreso e do benestar do conxunto de España.

A Xunta vén reiterando que o AVE é a maior prioridade de Galicia en materia de infraestruturas, un obxectivo de país.

Neste sentido, a conselleira subliñou o paso adiante que supón que Ourense estea desde mañá a menos de 4 horas de viaxe en tren con Madrid, é dicir, 45 minutos menos que hoxe, e que todas as cidades galegas reduzan o tempo de percorrido ata a capital de España.

Non obstante, a conselleira demandoulle ao Executivo central axilidade nas obras do treito final do AVE, así como información veraz sobre o seu ritmo para poder planificar con acerto o futuro da comunidade.

Para isto, puntualizou que é necesario saber cando se finalizará a construción dos 115 quilómetros que aínda separan o AVE de Ourense.

Concretou que o Executivo autonómico aspira a que as 7 cidades galegas teñan acceso a unha conexión ferroviaria con Madrid competitiva en tempo e propia do século XXI en prestacións.

A este respecto, sinalou que as reducións de tempo de viaxe acadadas cos sucesivos tramos do AVE postos en marcha ata agora acreditan a rendibilidade social dos investimentos.

Tamén puxo en valor as liñas Ourense- Santiago e o Eixo Atlántico Ferroviario, que proporcionan conectividade interna e se sitúan entre os traxectos de media distancia máis empregados e con maior incremento.
 

Imaxes relacionadas