Medio Ambiente adxudica por case 42.000 euros o acondicionamento da ruta do río Traba e aldea A Muiñeira de Xei, no concello de Noia

As obras, cofinanciadas con fondos Feader e cun prazo de execución de tres meses, consistirán en traballos de roza manual, na colocación de dúas mesas de madeira e na instalación de 24 fitos de sinalización ao longo do percorrido

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un importe de 41.871,22 euros os traballos de acondicionamento da ruta do río Traba ata a aldea A Muiñeira de Xei, no concello coruñés de Noia, así como a dirección e o servizo de coordinación de seguridade da devandita obra.

O obxecto desta actuación, impulsada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural con fondos Feader e cun prazo de execución previsto no contrato de tres meses, pasa por acondicionar e sinalizar axeitadamente unha senda peonil que discorre paralela ao río Traba, unha zona pertencente á parroquia noiesa de Barro, na parte oriental do municipio, e próxima ao linde co Concello de Lousame.

En concreto, as actuacións a realizar son principalmente traballos de roza manual, a colocación de dúas mesas temáticas en madeira de piñeiro tratada para protexela da degradación natural, e a instalación de 24 fitos de sinalización do mesmo material. Estes fitos levarán dúas frechas gravadas e coloreadas en cores diferentes co obxecto de sinalizar a ruta en ambos sentidos.

O proxecto de recuperación abrangue un tramo que vai desde a ponte do río Traba ata un minúsculo núcleo urbano deshabitado dende os anos 70, pero de grande valor etnográfico. Trátase da aldea de Xei, a medio camiño entre O Couto (Noia) e Portobravo (Lousame), e que constitúe un enclave típico de ribeira con arborado variado.