A Xunta avanza na posta en marcha do sistema de cita previa a través de internet no Rexistro Civil de Ferrol

A partir de mañá estará operativo en Ferrol e xa funciona nos de Lugo, Pontevedra e Santiago

Nos próximos días tamén se activará no rexistro civil de Ourense

A iniciativa enmárcase nas medidas adoptadas para facer fronte á covid-19 na Administración da Xustiza
 

Ferrol, 25 de outubro de 2020

O Rexistro Civil de Ferrol comezará mañá a dar cita previa por internet, ao igual que xa se fixo nos últimos días nos de Lugo, Pontevedra e Santiago. Trátase dunha das medidas postas en marcha pola Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no marco das medidas adoptadas pola Xunta en Galicia, en coordinación co Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), para facer fronte á covid-19 no ámbito da Administración de Xustiza.

O Rexistro Civil de Lugo foi o primeiro en activar a semana pasada este sistema para realizar determinados trámites, aos que se sumaron esta semana Pontevedra e Santiago, e desde mañá Ferrol. Nos próximos días tamén se implantará a cita previa por internet no Rexistro Civil de Ourense.

Ademais, xa están dispoñibles na páxina web www.xustiza.gal os formularios para levar a cabo calquera dos trámites anteriores e a información sobre a documentación requirida. Deste xeito, trátase de axilizar os trámites, evitar desprazamentos innecesarios e que varias persoas coincidan na sede xudicial.

Os cidadáns deberán solicitar desde a web www.xustiza.gal cita previa para realizar estas xestións e descargar e cubrir a documentación necesaria antes de acudir de forma presencial ás instalacións do rexistro. Para cada un dos trámites hai asignados uns días e uns horarios determinados asignados.

A Xunta vén aplicando melloras tecnolóxicas aplicadas á modernización da Administración de Xustiza para adaptala á situación derivada da covid-19. Deste xeito, o Goberno galego, no marco da Comisión de seguimento da crise sanitaria por causa do coronavirus, en coordinación co TSXG, acordou un protocolo de cita previa e outro para a celebración telemática das vistas elaborados pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e validados polo Consello Xeral do Poder Xudicial.

Por outra banda, desde que se decretou o estado de alarma debido á covid-19, un total de 780 xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza e 64 médicos forenses e case 500 funcionarios deste servizo puideron teletraballar grazas á activación de conexións tipo VPN por parte da Amtega coas que acceder ao escritorio remoto e ao teletraballo.