A Xunta inicia esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas da área de Vigo e as comarcas de Baixo Miño e do Condado-Paradanta

Comezaranse novos traballos en vías da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño e O Ribeiro; e nas zonas da Baixa Limia, Verín, Caldelas, Trives, Valdeorras e Viana

Iniciaranse os labores na autovía AG-64, entre Vilalba e Xermade, e seguiran na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na LU-862, en O Vicedo e Viveiro

Nas estradas da provincia da Coruña comezarán os traballos na estrada AC-432, en Vimianzo; seguindo os iniciados a pasada semana na AC-546, na Baña

Continuarase coas tarefas na autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, nas Pontes, e na vía de alta capacidade GC-1.5, en Noia

As actuacións céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2020

A Xunta comeza esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de distintas estradas da área de Vigo e as comarcas de Baixo Miño e do Condado-Paradanta.

Estas intervencións, súmanse ás que se están a executar nas marxes da vía de alta capacidade PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co polígono industrial de Balaídos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

En paralelo, a vindeira semana tamén comezarán novos traballos en vías autonómicas da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño, O Ribeiro; e das zonas da Baixa Limia, Verín, Caldelas, Trives, Valdeorras e Viana.

Estas intervencións, tamén se iniciarán na provincia de Lugo, na autovía AG-64, entre Vilalba e Xermade. Ademais, seguirán as tarefas en marcha na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo; e na estrada LU-862, entre O Vicedo e Viveiro.

Nas estradas da provincia da Coruña iniciaranse os traballos de roza e limpeza na estrada AC-432, en Vimianzo; continuando tamén os traballos iniciados a pasada semana na AC-546, ao seu paso polo municipio coruñés da Baña. Tamén se continúan os labores na autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo municipio das Pontes, e na na vía de alta capacidade GC-1.5, ao seu paso polo municipio de Noia.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas