A Xunta reclámalle ao Concello da Coruña a mesma urxencia co novo hospital público da cidade que coa estación intermodal, con modelos de convenio marco semellantes

O Goberno galego agarda desde o 5 de maio unha resposta oficial do Concello da Coruña á proposta de convenio marco do hospital público

Isto contrasta coa axilidade municipal no convenio marco para a estación intermodal, cuxo informe xurídico se emitiu en 11 días e polo que o Concello investirá 14 millóns de euros dun orzamento total de 80

A proposta de convenio formulada polo Goberno galego para o impulso do ‘Novo Chuac’ supón que o Concello achegue un máximo de 22 millóns de euros ao proxecto, fronte ao mínimo de 418 millóns da Xunta

O convenio limita a un máximo a contribución do Concello para evitar riscos nas arcas municipais derivadas dun posible incremento dos custos dos accesos ou da adquisición dos terreos

Formúlase un plan de pagos flexible que evita que o Concello desembolse cantidade algunha antes de 2022

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020

A Xunta reclámalle ao Concello da Coruña a mesma urxencia co desenvolvemento do novo hospital público da cidade que a que está a demostrar coa estación intermodal, pois para os dous proxectos se formularon modelos de convenio marco semellantes.

O Goberno galego lembra que leva agardando desde o 5 de maio unha resposta oficial do Concello da Coruña á proposta de convenio marco formulada para o impulso do hospital público. Este retraso contrasta coa axilidade coa que a Administración local tramita o acordo para o impulso da estación intermodal.

Neste caso, o Concello da Coruña tardou só 11 días desde o peche do texto de convenio marco en emitir o preceptivo informe xurídico municipal, que avala o investimento por parte da Administración local de 14 millóns de euros nas súas responsabilidades no impulso do complexo de transporte público. O investimento total previsto na estación intermodal pola Xunta, o Concello e Adif é de 80 millóns de euros.

A proposta de convenio formulada pola Xunta ao Concello da Coruña para o desenvolvemento do ‘Novo Chuac’ recolle os principios acordados por ambas as dúas administracións nas reunións mantidas sobre o asunto.

Así, establécese que o Concello asuma o custo da adquisición dos terreos e da execución dos accesos necesarios para o hospital público. A petición do Concello, no texto estableceuse un límite económico máximo para esas achegas, coa fin de evitar posibles riscos para as arcas municipais derivados do incremento de custos.

Na práctica, a proposta de convenio formulada supón que o Concello da Coruña achegue un máximo de 22 millóns de euros á construción do ‘Novo Chuac’ fronte aos 418 millóns de euros que, como mínimo, financiará a Xunta de Galicia.

O convenio non establece máximo para a aportación autonómica, de forma que a Xunta se compromete a asumir os excesos de custo que poidan xurdir durante o desenvolvemento do proxecto.

Ademais, o convenio marco formula un plan de pagos flexible que evita que o Concello desembolse ningunha cantidade antes de 2022 e deixa aberta a posibilidade de que o municipio acade a axuda doutras administracións para o desenvolvemento das súas achegas, seguindo o modelo do Concello de Pontevedra e a Deputación provincial no caso de Gran Montecelo.

A Xunta lembra que a construción do novo hospital público é a maior necesidade actual que afronta a cidade da Coruña e urxe impulsar a súa solución.

Trátase, ademais, dun asunto de enorme transcendencia que merece ser tratado con rigor e seriedade mediante unha comunicación directa e oficial entre as Administracións implicadas.

Imaxes relacionadas