11 centros escolares da provincia de Ourense participan neste curso no programa 'Biblioteca Creativa' para fomentar a investigación e aprendizaxe

Dous dos centros da provincia adheridos a este proxecto son de nova incorporación mentres outros 9 renovan a súa continuidade

A través desta iniciativa dirixida a infantil e primaria búscase familiarizar aos máis cativos coa robótica e a linguaxe de programación

A Consellería aporta os recursos necesarios, que inclúen a dotación de pequenos robots, os Escornabots, cos que o alumnado pode realizar as actividades
Centros de nova incorporación ao programa Biblioteca Creativa:

Ourense, 23 de outubro de 2020

Un total de 11 centros educativos da provincia de Ourense -dous deles de nova incorporación e outros nove que renovan a súa continuidade- participan neste curso no programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos; e para o cal a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aporta os recursos necesarios.

Así, segundo a resolución publicada no Portal Educativo, no conxunto de Galicia haberá este curso un total de 102 centros educativos de infantil e primaria incorporados ao proxecto (25 deles de nova incorporación e outros 77 que renovan a súa continuidade). Por provincias, na Coruña haberá un total de 38 centros adheridos (10 novos e 28 que renovan), en Lugo 14 (tres novos e 11 que renovan), en Ourense 11 (dous novos e 9 que renovan) e en Pontevedra 39 (10 novos e 29 que renovan).

Esta iniciativa, −integrada no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE)−, busca estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. A través disto búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

Dotación de recursos

Todos os centros de nova incorporación seleccionados reciben directamente no centro os materiais para montar os Escornabots que se incorporan á biblioteca.

Os 77 centros que renovan a súa participación reciben unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.

No caso dos centros con un ano de antigüidade no programa, a asignación vai destinada á adquisición dos medios necesarios para introducir a impresión 3D no recuncho creativo da biblioteca escolar. Pola súa parte, para os centros con dous anos de presenza no programa, a asignación destínase á adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma colaborativa, configurando un ‘espazo creativo’ diverso e axeitado aos intereses da comunidade educativa e ás finalidades do centro; mentres que os centros con tres anos de presenza en Biblioteca Creativa deberán destinar a asignación que reciban da Consellería á formación do alumnado coa realización no propio centro, de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou de calquera outro ámbito presente no ‘espazo creativo’, a experimentación, a robótica, a programación etc., impartidos por profesionais ou persoas experimentadas en cada ámbito. Estes obradoiros poderán ter formato presencial, se as circunstancias sanitarias así o permiten, ou telemático.

No caso dos centros con catro anos de presenza no programa, a asignación deberá destinarse á formación do alumnado coa realización no propio centro de obradoiros e actividades relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030; actividades que deberán ter como referencia o “espazo creativo” da biblioteca.

Centros de nova incorporación ao programa Biblioteca Creativa

 

CEIP Nosa Señora de Xuvencos
Boborás
Ourense
CEIP Plurilingüe do Xurés
Lobios
Ourense

Centros con continuidade no programa Biblioteca Creativa

 

CEIP Virxe de Guadalupe
Avión
Ourense
CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa
Barco de Valdeorras, O
Ourense
CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo
Carballiño, O
Ourense
CEIP Plurilingüe Curros Enríquez
Celanova
Ourense
CEIP Vistahermosa
Ourense
Ourense
CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey
Pereiro de Aguiar, O
Ourense
CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso
Pobra de Trives, A
Ourense
CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio
Vilar de Barrio
Ourense
CEIP Rosalía de Castro
Xinzo de Limia
Ourense