A Xunta impulsará axudas directas de ata 20.000 euros para sufragar o alugueiro dos locais de ocio nocturno pechados polas restricións da covid-19

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe nunha reunión con representantes do sector aos que lle presentou as condicións das axudas, que contan cun orzamento de 2,2 M€

Os contratos de alugueiro deben estar en vigor desde xaneiro de 2020 e manterse durante un ano desde que se permita a reapertura destes locais

Trátase dunha das medidas incluídas no Plan de Reactivación do sector, dotado con 6,8 M€, e que inclúe tamén apoio á celebración de concertos e ao mantemento de emprego

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

A Xunta impulsará axudas directas de ata 20.000 euros para sufragar os gastos de alugueiro dos locais de ocio nocturno obrigados a pechar como consecuencia das restricións sanitarias pola covid-19. As axudas, dotadas cun orzamento de 2,2 millóns de euros inclúense no Plan de Reactivación do sector que tamén conta con apoio para a celebración de concertos e o mantemento do emprego nestes locais.

Así llo trasladou esta tarde o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aos representantes do sector nun encontro por videoconferencia. Á reunión tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a directora de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Coadonga Toca, e representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

As axudas, habilitadas a través da Vicepresidencia Primeira para contribuír a sufragar os custos do alugueiro, van dirixidas aos negocios que desde o pasado 15 de agosto permanecen pechados –agás as terrazas- tras a decisión adoptada para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, co obxectivo de conter o virus. Trátase das discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

Poderán ser beneficiarios das axudas os titulares destes establecementos que teñan contrato de alugueiro en vigor desde xaneiro de 2020 e que deberán estar vixentes durante un ano desde que se permita a reapertura do sector, co compromiso de manter a actividade durante ese período. De feito, terán que acreditar ambos conceptos ao formalizar a solicitude mediante a presentación dunha declaración responsable.

A contía das axudas variará con distintos tramos en función do importe mensual do alugueiro. Deste xeito, as axudas poderán acadar ata 20.000 euros como máximo por solicitude no tramo máis elevado.

As subvencións intégranse no Plan de Reactivación do sector, posto en marcha pola Xunta para axudar a paliar os efectos económicos da pandemia e dotado con 4,8 millóns de euros. Cómpre lembrar ademais que son os únicos establecementos pechados totalmente como consecuencia directa das restricións sanitarias.

Ademais, no marco deste Plan, o Goberno galego convocará axudas por 600.000 euros nos establecementos habilitados como salas de concertos, salas de espectáculos ou cafés-concerto, que o ano pasado levaran a cabo un mínimo de 15 concertos. En concreto, sufragarán o 80% dos gastos de proxectos cun importe superior aos 25.000 euros.

Tamén se habilitarán outras dúas liñas de axudas dentro de plans transversais da Xunta, que inclúen tanto axudas de 4 millóns de euros destinados ao mantemento do emprego no sector, como apoio financeiro a través da concesión de préstamos.

Imaxes relacionadas