A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta avanza nas actuacións na potabilizadora municipal de Pontedeume coa fin de mellorar o funcionamento do sistema de abastecemento

O Goberno galego investirá 1,5 M€ na emerxencia do río Eume e no abastecemento de Pontedeume, destinando a maior parte á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal

Teresa Gutiérrez sinala que se traballa para dotar a potabilizadora dunha cámara de mestura rápida, previa ao actual tratamento, para optimizar os equipos da planta

Destaca que a Xunta vén colaborando co Concello desde o primeiro momento, coa adopción de medidas que xa permitiron restablecer o martes o consumo de auga

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta continúa avanzando nas actuacións na potabilizadora de Pontedeume para mellorar o funcionamento do sistema de abastecemento de auga.

A Xunta investirá 1,5 millóns de euros na emerxencia do río Eume e no abastecemento de Pontedeume, destinando a maior parte dese orzamento á modernización da potabilizadora.

Teresa Gutiérrez sinalou que se traballa para dotar a potabilizadora dunha cámara de mestura rápida, previa ao actual tratamento, que permita optimizar os equipos da planta. Engadiu que tamén se prevé automatizar este novo proceso e reforzar a filtración. A intervención na potabilizadora segue progresando estes días e xa se rematou a escavación necesaria para instalar a cámara.

A directora subliñou que a medida máis áxil e eficiente é actuar nesta planta municipal, que carece de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e consta dun decantador con pouca capacidade de filtrado.

Fixo fincapé en que a Xunta vén colaborando co Concello de Pontedeume desde o primeiro momento, coa adopción de medidas que xa permitiron restablecer o martes o consumo de auga.

Concretou que se aplicaron tratamentos físico-químicos nas instalacións para reducir a turbidez e de forma previa actuouse no río Eume, estendendo barreiras de contención.

Recordou que desde a pasada semana unha empresa especialista en emerxencias ambientais está a levar a cabo unha campaña de mostraxes, ampliando o alcance do seguimento que se viña facendo.

Así, concretou que fronte aos tres puntos de control establecidos previamente no río Eume, a raíz do episodio de turbidez, estase a realizar un seguimento con análises de auga en dous puntos no encoro e noutros cinco no río.

A evolución da situación estase a avaliar nunha Comisión de Seguimento, integrada por representantes de Augas de Galicia, dos Concellos de Cabanas e Pontedeume, da empresa xestora do encoro e da concesionaria municipal, entre outros.

A directora lembrou que a Xunta, tal como trasladou esta semana na reunión da Comisión, procedeu á incoación dun expediente sancionador á empresa que explota o encoro por incumprir os requirimentos efectuados e non seguir as directrices de explotación do encoro.

Apuntou que tamén se lle repercutirá á citada empresa os gastos derivados da emerxencia do río e do abastecemento de Pontedeume.
 

Imaxes relacionadas