O Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021 impulsa dúas novas iniciativas para promover a lingua galega e gastronomía

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe ‘Un mantel de contos’, que combina e pon en valor tradición oral e gastronomía da man dos lalinenses Celso Sanmartín e Diego López ‘Moli’

Tamén se presentou ‘Triloxía Meiga’, coa que a Xunta de Galicia comeza a divulgación dos produtos dixitais creados para o Fondo

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

O secretario xeral de Política Lingüísitica, Valentín García, participou hoxe na presentación de dúas iniciativas enmarcadas no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do Plan de Reactivación cultural. Por unha banda, presentou, a proposta gastronómica Un mantel de contos que destaca pola unión da tradición oral en galego e a gastronomía da man de dous dos lalinenses máis recoñecidos nestes ámbitos, Celso Sanmartín e Diego López ‘Moli’, e do narrador-gastrónomo máis coñecido da literatura galega, Álvaro Cunqueiro.

No acto, o secretario xeral estivo acompañado da concelleira de Cultura lalinense, Begoña Blanco; do cociñeiro Diego López ‘Moli’, de La Molinera, e do responsable da empresa xestora da actividade, Carlos Montilla. A cita cun Mantel de contos desenvolverase o sábado 31 de outubro no vestíbulo do Concello de Lalín, en dúas sesións (a primeira, matutina, de 12,30-13,30h; a segunda, en horario de tarde, de 19,30-20,30h) e con capacidade limitada para 40 persoas, polo que para asistir cómpre reserva previa con confirmación no enderezo manteldecontos.reserva@gmail.com desde hoxe.

Ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais tamén se levará a cabo a iniciativa audiovisual Triloxía meiga da compañía Queiman e Pousa, co que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade comeza a divulgación dos produtos dixitais creados para o Fondo Xacobeo 21.

O secretario xeral de Política Lingüística remarcou este fondo “permitiu sacar adiante proxectos culturais moi variados en canto a soporte, temática, estilo, público potencial ou tipo -videoclips, pezas teatrais, discos, documentais, filmes de ficción, libros...-, pero todos eses proxectos teñen un nexo común que é o uso e a potenciación da lingua galega”. Xunto co representante da Xunta de Galicia, participaron na presentación dos tres videoclips Miguel Ángel Leis, alcalde de Negreira; José Jesús Novo Martínez, alcalde do Vicedo; a concelleira de Política Social, Igualdade, Cultura e Turismo de Mos, Sara M.ª Cebreiro, e mais a cantante Andrea Pousa e o Bruxo Queiman, creadores do proxecto Triloxía meiga.

A triloxía inclúe os videoclips interpretados por Andrea Pousa Axendados, Camiñares e Alalá meigo, cada un deles dedicado a un dos seguintes elementos da natureza: auga, terra e fogo, respectivamente. O cuarto elemento, o aire, vén representado pola propia cantante e intérprete dos vídeos. Todos tres traballos teñen por obxectivo a divulgación e fomento do patrimonio cultural de Galicia e empregan distintas artes (danza, música, circo...) para alcanzar esta meta. O primeiro dos videoclips, Axendados, é visible desde hoxe no Portal da Lingua Galega e os outros dous serán divulgados nas vindeiras semanas.

Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021

No marco do Plan de Reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19, a Xunta de Galicia promove este fondo con 2,5 millóns de euros para a creación dun repositorio de propostas creativas de interese cultural en lingua galega. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma de iniciativas presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Imaxes relacionadas