Vintecinco directivos participan desde hoxe no programa Aceleratech da Amtega para facilitar a inmersión tecnolóxica das pemes

Aceleratech é unha iniciativa formativa para facilitar a estes perfiles profesionais o achegamento ás tecnoloxías disruptivas que marcarán a vindeira década

O programa é impartido por IESIDE, o Instituto de Educación Superior da Obra Social de ABANCA
 

 Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

Un total de 25 profesionais, directivos de pequenas e medianas empresas de distintos sectores, participan desde hoxe e ata o 20 de novembro o Programa formativo “AceleraTech, impulsando a transición dixital”, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con IESIDE, o Instituto de Educación Superior da Obra Social de ABANCA

Programa específico para persoal directivo

A iniciativa está dirixida principalmente a persoal directivo, xerentes e propietarias/os de empresas, xa que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas.

Aceleratech é un programa de difusión, sensibilización e formación orientado a que as pemes galegas e os seus directivos coñezan algunhas das novas tendencias tecnolóxicas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para a súa translación á estratexia, estrutura e modelos de negocios das pemes. Todo iso cunha perspectiva moi experiencial, mostrando casos concretos e próximos de éxito que actúen como elemento motivador.

Sesións formativas do AceleraTech

O programa estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un taller final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos:

• A competencia na era dos negocios dixitais
• Big data, data science e intelixencia artificial
• Internet of the things e 5G
• Blockchain
• Ciberseguridade
• Construíndo a transformación dixital da peme: taller Lego® Serious Play®

Cómpre destacar que a sesión de ciberseguridade enmárcase no contexto do nodo de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.