A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do Rego do Cal, ao seu paso polo concello de Muras

As tarefas desenvólvense en dous tramos do rego, ao longo de algo máis de medio quilómetro, e inclúen a retirada de árbores e pólas caídas na canle e a roza selectiva en tramos con maleza

As intervencións forman parte das actuacións de mantemento que vén realizando Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións

Nos traballos inclúese a intervención puntual para a retirada de dúas árbores caídas, na zona próxima á desembocadura do rego, no río Eume

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do rego do Cal, no municipio de Muras.

Os traballos execútanse en dous tramos deste rego, ao longo de algo máis de medio quilómetro de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por distintos lugares das parroquias de Muras (San Pedro) e O Burgo (Santa María).

As tarefas forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta. Inclúese tamén a roza selectiva e limitada ao ancho da canle, en tramos ocultos pola maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, o rego quedará despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas. Nesta actuación inclúese, ademais, a intervención puntual para a retira de dúas árbores caídas na zona próxima á desembocadura do rego do Cal, no río Eume.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

AConsellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas