Medio Ambiente adxudica por máis de 85.000 euros as obras de acondicionamento da contorna do edificio multiusos do Incio

Xunta e Concello asinaron este ano un convenio de colaboración en virtude do cal a Consellería asume o 70% do custo da obra e o Goberno local, o 30% restante

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar a obra de acondicionamento da contorna do edificio multiusos do Concello do Incio (Lugo). A actuación a desenvolver terá un custo de 85.062,09 euros, dos que a Xunta achegará o 70% e o Goberno local, o 30% restante, segundo consta no convenio de colaboración subscrito por ambas partes o pasado mes de maio.

Tras asinar onte o contrato correspondente, a empresa adxudicataria –Jardinería Arce SL- disporá de tres meses para comezar cos traballos previstos, que basicamente consistirán nunha serie de actuacións encamiñadas a revitalizar a zona do fronte do edificio e a conectala coa praza do Concello, acondicionando para elo a explanada de asfalto actual e introducindo puntos verdes que lle dean unha escala máis humana e á vez, a fagan máis funcional para o seu uso público.

Coas actuacións propostas a estética do multiusos mellorará notablemente, daráselle un novo acabado á fachada acorde coas condiciones estéticas do plan xeral de ordenación municipal, e modificaranse as carpinterías para que a imaxe do conxunto sexa adecuada á contorna que se vai acondicionar.

En definitiva, o obxectivo do proxecto adxudicado é acometer a mellora do entorno do edificio multiusos localizado no lugar de Cruz de Incio, o único núcleo urbano do Concello, para convertelo no punto de encontro e lugar de reunión para a veciñanza do que actualmente carece este municipio. Así, a idea é que esta zona poida albergar no futuro toda unha serie de actividades de carácter urbano, como mercados, feiras de artesanía e similares, ou mesmo que se poida utilizar como zona de esparexemento.

Plan Hurbe desde 2010

A obra que acaba de adxudicarse no Concello do Incio enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Xunta para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Grazas a esta iniciativa, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios galegos. Na mesma liña, o ano pasado asumíronse preto de 90 novos compromisos cos concellos para os que se mobilizaron 12,9 millóns e nos orzamentos da Xunta de 2020 reserváronse outros 6,5 millóns para colaborar en actuacións urbanísticas a nivel municipal.