A Xunta destaca o valor da observación costeira para avaliar os posibles riscos asociados ao cambio climático

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, destacou hoxe a importancia de contar con información océano-meteorolóxica para avaliar os posibles riscos asociados ao cambio climático no eido marítimo. Ese é un dos obxectivos do proxecto MarRisk, do observatorio transfronteirizo Raia e que busca asegurar un crecemento intelixente e sustentable das zonas litorais de Galicia e do norte de Portugal mediante a avaliación dos riscos costeiros máis destacados nun escenario de cambio climático para mellorar a resilencia dos sectores económicos tradicionais e doutros sectores emerxentes.

Así o sinalou a directora do Intecmar na apertura do evento transfronteirizo de peche do proxecto MarRisk, coordinado por Meteogalicia, a quen Covadonga Salgado agradeceu o seu labor, e financiado co Programa de Cooperación Transfronteriza Galicia-Norte de Portugal (Poctep). No inicio do evento, que se celebra hoxe e mañá na Cidade da Cultura, a directora do Intecmar tamén puxo en valor o labor do centro dependente da Consellería do Mar na observación oceanográfica e na loita contra a contaminación e a colaboración nestas materias con outras institucións de ámbito autonómico e do norte de Portugal a través da rede Raia, constituída para fortalecer unha infraestrutura de observación na marxe ibérica común á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Imaxes relacionadas