A Xunta convoca para mañá a comisión de seguimento para abordar a situación da emerxencia do río Eume e do abastecemento de Pontedeume

Participarán na xuntanza a dirección de Augas de Galicia e técnicos dos departamentos de Obras e de Calidade das Augas, representantes da Consellería de Medio Ambiente e do Mar, os Concellos de Pontedeume e de Cabanas, xunto coa concesionaria municipal e a empresa que xestiona o encoro

Avaliarase a situación que ten motivado a declaración de emerxencia por parte de Augas de Galicia e porase en común toda a información dispoñible

Tamén se dará conta das actuacións xa realizadas e as que ten previsto impulsar a Xunta para reducir a turbidez e lograr que a auga sexa apta para o consumo

No marco da emerxencia declarada o pasado martes, a Xunta investirá 1,5 millóns de euros, destinando a maior parte á modernización da planta de tratamento de auga potable municipal, que dispón de capacidades de tratamento limitadas
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de convocar para mañá, martes día 20, ás 10,00 horas, a reunión da Comisión de Seguimento para avaliar a evolución da situación do río Eume e do abastecemento de Pontedeume, no marco da emerxencia declarada o pasado día 13.

Na reunión, que se celebrará por videoconferencia debido á situación derivada da covid-19, participarán a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira e técnicos dos departamentos de Obras e de Calidade das Augas, ademais da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, e técnicos de Patrimonio Natural, xunto con representantes do Intecmar. Están convocados á xuntanza, ademais, os Concellos de Pontedeume e de Cabanas, a empresa concesionaria do sistema de abastecemento municipal e a empresa responsable da xestión do encoro.

Na que será a primeira reunión da Comisión de Seguimento avaliarase a situación que ten motivado a declaración de emerxencia por parte de Augas de Galicia, coa posta en común de toda a información da que dispón a Xunta, ademais da información municipal, a derivada da xestión do encoro ou a dispoñible no eido do patrimonio natural e dos recursos mariños.

Ademais, abordaranse as actuacións xa realizadas e as que ten previsto impulsar Augas de Galicia no marco da declaración da emerxencia para dar resposta á situación, reducir a turbidez e lograr que a auga sexa apta para o consumo, en apoio ao Concello de Pontedeume no desenvolvemento das súas competencias municipais.

No marco da emerxencia declarada no río Eume e no abastecemento de auga do concello de Pontedeume a Xunta investirá 1,5 millóns de euros, destinando a maior parte desa achega á modernización da estación de tratamento de auga potable municipal.

Logo de analizar diversas alternativas, concluíuse que actuar sobre a potabilizadora municipal é a medida máis eficaz e rápida para restablecer os parámetros da auga, con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación das partículas en suspensión.

A planta de tratamento de auga potable municipal ten capacidades limitadas, ao carecer de cámaras de mestura de reactivos e auga bruta e tamén de tratamentos físico-químicos, ademais de que dispón dun decantador excesivamente pequeno e con pouca capacidade de filtrado. Isto levou á Xunta a adoptar a decisión de actuar, de forma inmediata, sobre a potabilizadora municipal, colaborando co Concello de Pontedeume no desenvolvemento das súas competencias municipais.

No marco do expediente sancionar incoado xa se deron indicacións á empresa que explota a presa do Eume para que manteña o nivel das augas do encoro nos parámetros normais de explotación e adopte medidas para reducir a turbidez no río.

Os técnicos de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda non detectaron, ata o momento, danos na fauna nin mortaldade piscícola. En todo caso, os axentes medio ambientais seguen a facer un seguimento permanente para verificar que non mudan as condicións ambientais do río e, polo tanto, que non se produzan afeccións nos ecosistemas presentes na canle fluvial.