A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reúnese co servizo da Inspección Educativa da área

Vigo, 19 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto ao xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, reuniuse hoxe co servizo da Inspección Educativa da área co obxectivo de coñecer de primeira man os protocolos que se están a seguir nos centros escolares no contexto actual da Covid-19.

Unha reunión que serviu á representante autonómica para pórse ao día respecto á situación dos colexios da área territorial e na que se deu conta das medidas adoptadas na loita contra a pandemia e a coordinación permanente da Consellería de Educación con Sanidade, a xerencia da área sanitaria de Vigo e, nomeadamente, co servizo de Epidemioloxía e Medicina Preventiva.

Cómpre lembrar que cada centro educativo conta cun equipo covid (que suman arredor dunhas 4.000 persoas en toda Galicia), que actúa como referente para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias en todos os asuntos relacionados coa pandemia; e é tamén o enlace entre o centro e a administración sanitaria.

Asemade, Fernández-Tapias aproveitou para agradecer aos inspectores a súa implicación e adaptación na actual situación que se está a vivir de excepcionalidade.

Imaxes relacionadas