A Xunta apoia con 13,5 millóns de euros accións silvícolas en case 7.400 hectáreas de monte para a prevención de lumes de cara ao ano que vén

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se fan públicas estas achegas, cofinanciadas polo Feader

Trátase da maior concesión de axudas para o fomento da silvicultura, que velan pola sustentabilidade, a prevención, a multifuncionalidade e a posta en valor dos montes

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

Un total de 546 beneficiarios das achegas da Consellería do Medio Rural para accións silvícolas intervirán en case 7.400 hectáreas de monte cun importe global de axuda que supera os 13,5 millóns de euros, a maior concesión de axudas para o fomento da silvicultura.

Así o recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), que publica a resolución deste departamento polo que se fan públicas as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Trátase dunhas achegas que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Se analizamos os beneficiarios por provincias, na Coruña aprobáronse 51 expedientes para traballar en 505 hectáreas, cun importe de case 900.000 euros; na de Lugo foron 173 expedientes para 2.021 hectáreas, cun importe de 3,6 millóns de euros; na de Ourense foron 183 expedientes para 3.374 hectáreas, cun importe de 6,3 millóns de euros e, finalmente, Pontevedra con 139 expedientes para 1.488 hectáreas e importe de 2,6 millóns de euros.

Os beneficiarios destas axudas son marioritariamente comunidades de montes veciñais en man común (454), seguido de propietarios particulares de forma individual (66) e das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) ou outro tipo de sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta (26).

Datos por liñas de actuación

Esta orde contempla dúas liñas de actuación. A primeira apoia a realización de tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais, tales como rareos, rozas e podas en masas estables de coníferas. Para este tipo de traballos aprobáronse 383 expedientes por valor de 9,3 millóns de euros, o que permitirá actuar sobre máis de 5.283 hectáreas.

A segunda liña de actuación está dedicada a tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Trátase de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se subvenciona mediante esta liña a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros. Neste caso, contabilízanse 163 beneficiarios que recibirán 4,1 millóns de euros para accións en 2.107 hectáreas.

Axudas bianualizadas

Estas axudas están bianulizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90%) correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2021. Deste xeito, a Consellería adiántase e asegura unha necesaria continuidade na actividade das brigadas silvícolas. Cabe lembrar que segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas conleva a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego.

O obxectivo desta axuda pública enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, de prevención, de multifuncionalidade e de posta en valor dos montes co fin de que constitúan o cerne dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural identificativa de Galicia.

O listado completo de beneficiarios pódese consultar na seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20201019/AnuncioG0426-290920-1_gl.html

Imaxes relacionadas