Conde aborda coas empresas de enxeñería a futura Lei de reactivación económica de Galicia e as posibilidades que pode ofrecer ao sector
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, mantivo esta semana un encontro coa Asociación Gallega de Empresas de Ingeniería, Consultoría y Servicios Tecnológicos (Ageinco)
A reunión forma parte da rolda de contactos cos principais axentes económicos e sociais para incorporar as súas suxestións á futura normativa, que busca consolidar a Comunidade como un bo lugar para investir
A axilización administrativa e a ampliación da posiblidade de declaración responsable ou comunicación previa forman parte das claves deste proxecto lexislativo
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro con representantes da Asociación Gallega de Empresas de Ingeniería, Consultoría y Servicios Tecnológicos (Ageinco), dentro da rolda de contactos do Goberno galego para abordar cos principais axentes económicos e sociais o proxecto de Lei de reactivación da economía.
No encontro Conde sinalou que con esta normativa a Xunta busca consolidar a Comunidade como un bo lugar para investir, facilitando que se consoliden novos proxectos para crear riqueza e emprego na Comunidade.
O vicepresidente económico, que salientou a importancia da simplificación administrativa para que se desenvolvan novos proxectos de enxeñería en Galicia, apuntou que a futura lei que se está a elaborar pivota sobre tres claves: a axilización administrativa, con puntos de atención ao investidor; a ampliación a máis supostos da posiblidade de declaración responsable ou comunicación previa; e a xeralización do silencio administrativo para a implantación de iniciativas, salvo disposición legal que especifique a necesidade de emitir unha resolución expresa, entre outros aspectos.
Ageinco, creada en 2006, agrupa a 30 empresas do sector da enxeñería, consultoría e servizos tecnolóxicos que contan con máis de 1200 empregados e unha facturación de 85 millóns de euros; nove colexios profesionais, con máis de 5500 colexiados; as tres universidades galegas e sete centros tecnolóxicos.