Este mediodía reuníronse, por videoconferencia, a dirección e persoal técnico de Augas da Xunta e representantes de da empresa que xestiona o servizo municipal da auga

A Xunta actuará de forma inmediata na estación de tratamento de auga potable municipal como medida máis eficaz para repoñer canto antes o abastecemento de auga en Pontedeume

Das alternativas analizadas concluíuse que actuar na estación potabilizadora, con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación dos limos en suspensión, é a medida máis acertada e áxil para restablecer os parámetros da auga

Logo do estudo xeolóxico realizado no día de onte por técnicos especialistas descartouse a posibilidade de dispoñer pozos filtrantes

Desde o primeiro momento dispuxéronse barreiras de xeotéxtil no río e agora na potabilizadora estanse aplicando tratamentos físico-químicos para tratar de recuperar os parámetros que permitan garantir a estabilidade do abastecemento

No marco do expediente sancionador incoado déronselle indicacións á empresa explotadora da presa do Eume para que manteña o nivel do embalse nos parámetros normais de explotación para reducir a turbidez no río
 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

A Xunta, a través de Augas de Galicia, actuará de forma inmediata na estación de tratamento de auga potable municipal de Pontedeume como medida máis eficaz para repoñer o abastecemento de auga á maior brevidade.

Este mediodía, a dirección e persoal técnico de Augas de Galicia e representantes da empresa que xestiona o servizo municipal da auga de Pontedeume mantiveron un encontro, por videoconferencia, para abordar as diferentes alternativas de actuación para poder reducir a turbidez do río, mellorar a calidade das augas na captación e lograr que sexa apta para o consumo.

Das alternativas analizadas, concluíse que actuar na estación potabilizadora municipal, con sistemas que favorezan a coagulación e a decantación dos limos en suspensión, é a medida máis acertada e áxil para restablecer os parámetros de auga.

Logo do estudo xeolóxico realizado no día de onte por técnicos especialistas, tense descartado a posibilidade de dispoñer pozos filtrantes, xa que o material en suspensión é demasiado fino.

Desde o primeiro momento dispuxéronse as barreiras de contención no río que a Xunta estaba a empregar nas obras do colector que está a executar en Pontedeume para tratar de minimizar a turbidez das augas.

Agora na potabilizadora estanse aplicando tratamentos físico-químicos para tratar de recuperar os parámetros que permitan garantir a estabilidade do abastecemento.

No marco do expediente sancionar incoado, déronselle indicacións á empresa explotadora da presa do Eume de manter o nivel das augas do encoro nos parámetros normais e adopte medidas para reducir a turbidez no río.

A Xunta declarou o martes a emerxencia para afrontar a situación e levar a cabo as actuacións necesarias de cara ao restablecemento do servizo de abastecemento no municipio de Pontedeume.

Desde hoxe unha empresa especialista en emerxencias ambientais está a facer unha campaña de mostraxe ampliando o alcance do seguimento que se viña facendo.

A Xunta vén colaborando e traballando co Concello e apoiándoo para o mellor desenvolvemento das súas competencias municipais, xunto coa concesionaria do servizo municipal da auga, para acadar a recuperación dos parámetros que permitan a reposición do abastecemento á poboación.

Imaxes relacionadas