A Xunta investiu este ano en Portas case 60.000 euros en melloras ambientais e en infraestruturas

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou un dos proxectos financiados este ano cuns 28.000 euros da Orde de Infraestruturas de uso público para mellorar a eficiencia enerxética no alumeado público

O investimento do Goberno galego no concello supera os 367.400 euros nos últimos anos en actuacións de saneamento, iluminación e na dotación de equipamentos no municipio
 

Portas (Pontevedra), 16 de outubro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, as melloras no alumeado público do concello de Portas, financiadas polo Goberno galego cuns 28.000 euros a través da convocatoria deste ano da Orde de Infraestruturas de uso público. A Xunta tamén destinou este exercicio outros 31.800 euros á adquisición dunha trituradora de polas no marco do Fondo de Compensación Ambiental, polo que as achegas este ano ao concello foron preto de 60.000 euros.

Natalia Prieto sinalou que a substitución das luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED na parroquia de Romai permitirá mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público e mellorar a seguridade viaria debido ao aumento da visibilidade.

Nesta liña, incidiu na necesidade da colaboración entre a Administración autonómica e a local, xa que os concellos son os que mellor coñecen as demandas da veciñanza e con estas axudas levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns.

Deste xeito, no concello de Portas a Xunta investiu máis de 367.400 euros nos últimos anos en actuacións de saneamento, iluminación ou na dotación de equipamentos no municipio. Trátase de melloras financiadas polo Goberno galego mediante acordos ou subvencións como o Fondo de Compensación Ambiental, que este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, ou a Orde de Infraestruturas de uso público, que na convocatoria deste exercicio dispón de catro millóns de euros, un millón máis que o ano pasado.
 

Imaxes relacionadas