A Xunta aposta pola colaboración coas asociacións veciñais para contribuír á mellora da calidade de vida local

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse con representantes da asociación de veciños de Beade, que recibiu unha axuda de 15.000 euros para reformar a aula de informática e renovar as ventás do local

A orde de subvencións destinadas a estas organizacións estivo dotada este ano con 2,5 millóns de euros e chegou a 190 asociacións galegas

Na área de Vigo, a Xunta destinou case 624.000 euros a 47 entidades beneficiarias

Vigo, 15 de outubro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe durante a visita á asociación de veciños de Beade a aposta do Goberno galego por colaborar con estas organizacións co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e contribuír a unha maior dinamización do movemento veciñal.

Durante a visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, coñeceu as melloras que levará a cabo a entidade ao abeiro da orde de axudas do Goberno galego. A asociación de veciños de Beade recibiu máis de 15.000 euros no marco das subvencións incluídas no Plan de acción comunitaria, que se destinarán á reforma da aula de informática e á renovación das ventás da fachada sur do inmoble.

A orde estivo dotada este ano con 2,5 millóns de euros, o que permitiu chegar a 190 asociacións de toda Galicia. Na área de Vigo, o número de entidades beneficiarias ascende a 47, ás que se destinou case 624.000 euros.

Ademais, nos últimos cinco anos, o investimento da Xunta acadou preto de 10,5 millóns de euros destinados a financiar 978 proxectos de asociacións de veciños, de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas. As axudas van dirixidas a financiar tanto obras nos locais sociais e instalacións comunitarias como á adquisición de equipamentos, así como a reparación de traídas de auga veciñais.

Imaxes relacionadas