A Xunta restitúe o tráfico na estrada PO-307, en Cardalda, en Vilanova de Arousa, onde se executa a mellora da drenaxe na vía

Os traballos, que comezaron o martes, fixeron necesario pechar a circulación neste punto ata hoxe, cando que se reanuda dispoñéndose pavimento provisional

A intervención, cun importe de máis de 35.000 euros e un prazo de 2 meses, consiste na substitución dos tubos de formigón por outros de maior capacidade

Esta actuación complementa a construción dunha senda entre Deiro e a Ponte da Illa de Arousa, que se reiniciou en setembro tras suspenderse en verán para minimizar a afección ao tráfico

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

A Xunta restituíu esta tarde o tráfico na estrada PO-307, en Cardalda, en Vilanova de Arousa, onde se executaron xa os principais traballos das obras de mellora da drenaxe na vía.

A intervención, que comezou o martes, fixo necesario pechar a circulación neste punto ata o día de hoxe, no que se abre ao tráfico coa disposición dun pavimento provisional.

Unha vez que se acometa o aglomerado previsto na obra da senda, estenderase a capa de rodadura definitiva neste treito.

A intervención consiste en mellorar a insuficiente capacidade de desaugadoiro da obra de drenaxe transversal situada no punto quilométrico 0+035 da estrada PO-307.

Os traballos, cun importe de máis de 35.000 euros e un prazo de execución de 2 meses, céntranse na retirada dos tubos de formigón existentes, substituíndoos por outros de diámetro 800 mm, co consecuente aumento de capacidade.

Complemento da senda

Estas obras complementan ás de construción dunha senda peonil e ciclista nesta mesma estrada, entre Deiro e a ponte da Illa de Arousa, que se reiniciaron en setembro tras ser suspendidas durante as semanas centrais do verán para minimizar a afección ao tráfico.

Esta actuación forma parte do novo itinerario impulsado pola Xunta en dous tramos, no citado itinerario da estrada PO-307, e na PO-549, desde Tarrío a Cores, xa rematado. Os traballos foron licitados por un importe de máis de 1,8 millóns de euros.

Na estrada PO-307 estase a executar unha senda pola marxe esquerda, entre o punto quilométrico 0 -na glorieta de intersección coa PO-549 e coa PO-530- e o 1+640, na ponte da Illa de Arousa.

Na PO-549, xa se ten actuado entre o punto quilométrico 6+200 -situado en Tarrío, na zona na que rematan as actuais beirarrúas- e o 7+210, que conecta cun tramo de beirarrúa executado no ano 2012 pola Xunta.

Esta actuación está incluída no Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés e está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014/2020.