A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, fixo hoxe balance da programación estival na comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

A Xunta salienta o éxito da campaña de verán, que se pechou sen ningún caso de covid-19

Ofertáronse máis de 6.800 prazas e xeráronse preto de 650 contratos no sector do ocio e o tempo libre

Reducíronse os aforos das instalacións, reforzouse o persoal monitor e as medidas hixiénico-sanitarias como resposta á situación de emerxencia sanitaria
 

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, subliñou hoxe o éxito da Campaña de Verán deste ano que, pese a desenvolverse nun contexto de emerxencia sanitaria, rematou sen rexistrar ningún caso de covid-19. Unha programación de verán que ofertou máis de 6.800 prazas e que xerou preto de 650 contratos no sector do ocio e o tempo libre desde xullo a setembro.

A responsable deste departamento autonómico explicou na comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego que este éxito “é resultado da planificación, da formación e do compromiso de todas as partes implicadas na campaña”. Así mesmo, destacou a coordinación e colaboración cos representantes do sector no eido do ocio e do tempo libre para sacar adiante a programación de verán.

Cristina Pichel tamén subliñou a eficacia das medidas de seguridade fronte ao coronavirus supervisadas polo Comité Clínico. Estas medidas asentáronse na redución do aforo en todas as instalacións; a configuración de grupos máis pequenos nas actividades e reforzo do persoal monitor, de tal xeito que nunha houbo tantos monitores nos campamentos como este ano; e o reforzo das medidas hixiénico-sanitarias.

Ademais da planificación, a directora xeral de Xuventude referiuse á formación. De feito, antes do inicio da Campaña de Verán realizáronse cursos formativos vinculados ás medidas covid-19 nos que participaron ao redor de 1.200 persoas.

Novidades

Na súa intervención, Cristina Pichel lembrou que a programación deste verán contou con tres novidades importantes. A primeira foi que se sumaron novas instalacións para o desenvolvemento das actividades, entre as que destacan as dúas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño.

En segundo lugar, explicou que se cambiou a filosofía dos campos de voluntariado, case sempre internacionais, para poder facelos integramente para mozas e mozos de Galicia e cun máximo de 12 participantes por iniciativa. E a terceira novidade foi a posta en marcha dos minicampamentos de cinco días en instalacións turísticas, en colaboración coa área de Turismo da Xunta.

Por último, a directora xeral de Xuventude asegurou que a Campaña de Verán deste ano foi unha das poucas deste calibre levada a cabo no conxunto de España, só superada en prazas por Cataluña.

Imaxes relacionadas