Arias visita as obras de construción da glorieta que mellorará a seguridade viaria na intersección das estradas LU-652 e LU-546 en Bóveda

O delegado territorial da Xunta destacou que a nova infraestrutura facilitará os fluxos de tráfico na zona, mellorando a visibilidade do cruzamento e obrigando a reducir a velocidade no tránsito de vehículos

A Administración galega vén de iniciar a semana pasada os traballos, aos que destina 212.000 euros, coa previsión de rematalos no prazo máximo de seis meses

Bóveda (Lugo), 15 de outubro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a execución das obras de construción dunha glorieta na intersección das estradas LU-652 e LU-546 na capitalidade de Bóveda, iniciadas a semana pasada co obxecto de incrementar a seguridade viaria neste punto.

Arias, quen acudiu acompañado por persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), salientou que a nova infraestrutura fará máis visible o cruzamento para os condutores e facilitará os fluxos de tráfico na zona, ao tempo que obrigará a diminuír a velocidade no tránsito dos vehículos. Segundo lembrou, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina 212.000 euros a estes traballos, que prevé rematar no prazo máximo de seis meses.

A actuación permitirá mellorar as condicións do tráfico rodado e peonil nesta contorna, na que a Xunta xa introducira melloras hai dous anos para reforzar a sinalización que advertía da presenza da intersección e da obriga de repectar o sinal de stop, mediante paneis luminosos e bandas transversais de alerta.

Proxecto técnico

O proxecto contempla a construción unha glorieta cun diámetro interior de 21 metros e un diámetro exterior de 41 metros, con accesos e saídas cun único carril. A plataforma da glorieta terá dous carrís de 4 metros e beiravías de 1 metro de ancho.

Tamén está previsto darlle acceso ao camiño de servizo existente na marxe esquerda do eixo Lugo-A Pobra do Brollón. Na saída da glorieta, en dirección A Pobra do Brollón, permitirase un xiro á esquerda para acceder á vía existente cara o parque empresarial de Bóveda. Neste mesmo punto tamén se proxecta un paso de peóns accionado mediante semáforos e a instalación da semaforización correspondente, dando así continuidade a unha rede peonil existente na zona.

As obras inclúen o repintado de marcas viarias e a colocación de nova sinalización vertical, balizamento e defensas, así como a reubicación da farola existente ao centro da glorieta.

Imaxes relacionadas