A Policía Autonómica esclarece un incendio no concello ourensán de Ribadavia

No que vai de ano foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 49 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Ourense, 14 de outubro de 2020

Axentes da Policía Autonómica de Ourense esclareceron un incendio forestal ocorrido no concello ourensán de Ribadavia.

Os axentes procederon a tomar declaración a unha muller, investigada como presunta autora dun lume que se produciu o pasado luns 12 de outubro, no lugar de A Groba-Sanín, do municipio de Ribadavia. O lume afectou 0,05 hectáreas de superficie rasa.

O incendio orixinouse mentres a investigada realizaba unha queima de restos forestais sen tomar as medidas de precaución necesarias, o que provocou que as lapas se propagaran pola finca onde realizaba os traballos. No control e extinción do lume participaron un axente ambiental, dúas brigadas e dúas motobombas.

As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribadavia.

No que levamos de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 49 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.