O Plan Marco de mellora de camiños da Xunta permite que os concellos da área de Bergantiños-Costa da morte invistan en infraestruturas rurais máis de 321.000€ na convocatoria de 2020-2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o proxecto de mantemento e mellora das estradas nas parroquias de Berdoias e Treos

Este programa está cofinanciado ao 75% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)

Vimianzo (A Coruña), 14 de outubro de 2020

O delegado territorial da Coruña na Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o concello de Vimianzo para comprobar as actuacións financiadas pola Consellería do Medio Rural de mellora de camiños municipais.

Concretamente, comprobou o resultado das obras realizadas o ano pasado de mantemento e mellora das estradas municipais nas parroquias de Calabanda e Campo da Pasarela, unhas das diferentes actuacións, que contan cunha achega do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021 de máis de 49.000 euros.

O Plan Marco suporá un investimento de 321.000 euros en 16 actuacións para os municipios da área de influencia de Bergantiños-Costa da MorteTrátase dunha axuda cofinanciada nun 75% con fondos Feader no marco do PDR de Galicia para a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños de titularidade municipal que faciliten os accesos a zonas habitadas.

Gonzalo Trenor sinalou que o obxectivo deste plan “é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais, que pasa por mellorar as dotacións existentes en infraestruturas básicas, ao tempo que desenvolvemos actuacións dirixidas á mellora dos servizos básicos para a poboación rural”.

Neste senso, apuntou que “as infraestruturas rurais xeran cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo. Con estas obras buscamos por unha banda facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio e, por outra, contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal. Desta forma, facilítase o tránsito de maquinaria, o que redunda nunha maior axilidade das operacións e nunha redución dos custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado”.

Así, a finalidade do plan é darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais.

Plan Marco

O Plan marco de mellora de camiños municipais está destinado a todos os concellos de Galicia e ten na convocatoria de 2020 – 2021 no caso concreto da provincia da Coruña o investimento é de máis de 3,3 millóns

Respecto ao reparto de fondos, Agader acordou, no seu momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), os criterios de distribución cunha base fixa de 11.700 euros por concello e en base a conceptos como número de habitantes, número de entidades de poboación, a superficie, o peso do agro, así como o grao de envellecemento ou despoboamento. Ademais contémplase un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

Imaxes relacionadas