A Xunta rematará as obras de acondicionamento das últimas plantas do edificio de Benito Corbal o vindeiro mes de marzo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou esta tarde algunhas asociacións que xa levan preto dun ano situadas no edificio da Xunta

En total, a Xunta investirá na recuperación deste edificio máis de 5,6 M€, dos cales 4,6 M€ foron na primeira fase da obra e 800.000 euros nesta segunda fase

Pontevedra, 13 de outubro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que as obras da segunda fase de rehabilitación do edificio de Benito Corbal, rematarán o vindeiro mes de marzo. Os traballos consisten en acondicionar as plantas 5ª, 6ª, 7ª e 8ª e contan cun investimento do Goberno galego que ascende a máis de 800.000 euros.

Alfonso Rueda visitou esta tarde algunhas das asociacións que xa están instaladas dende hai case un ano nos andares terceiro e cuarto do edificio de Benito Corbal, concretamente 28 asociacións que teñen á sua disposición 26 locais no centro da cidade de Pontevedra. Cómpre recordar que o resto do edificio xa foi reformado e acondicionado nunha primeira fase que abrangueu desde o soto á planta 4ª, polo que grazas a estes traballos, xa están en funcionamento as oficinas de emprego e estes locais destinados ás asociacións, entidades sen ánimo de lucro, con fins de interese social, cultural, deportivo, ou sanitario. Ademais, tamén se habilitaron outros espazos de usos xerais como un salón de actos, que xa acolleu ata o momento varios eventos.

Segundo indicou o vicepresidente primeiro, nestes momentos estanse levando a cabo as obras de acondicionamento das plantas 5ª, 6ª e 7ª, que se porán a disposición da Universidade de Vigo, e a 8ª, que será ocupada pola Fundación Manuel Moldes. Entre outras accións, remataranse os teitos, pavimentos e bloques de aseo e acometeranse as preinstalacións de climatización, electricidade ou telecomunicacións.

O orzamento total investido na reforma do edificio ascende a 5,6 millóns de euros, que permitiron recuperar para o uso público os case 6.000 metros cadrados deste edificio situado no centro da cidade de Pontevedra. Grazas a este investimento, a Xunta recuperou para os pontevedreses un edificio no centro da cidade, un espazo moderno e versátil que é, ademais, eficiente enerxeticamente, en tanto emprega tecnoloxías como caldeiras de biomasa para calefacción, bombas de calor aire-auga, ou unha instalación solar fotovoltaica para a xeración de electricidade.

Imaxes relacionadas