A Xunta remata a execución dunha estrutura de retención de areas no sistema de saneamento do concello da Guarda

Estas infraestruturas, cun investimento autonómico de case 50.000 euros, foron entregadas hoxe ao Concello da Guarda para o seu mantemento

A intervención soluciona os problemas de acumulación de depósitos de area que se producían no colector, especialmente na zona de Salcidos

A Xunta segue achegando apoio técnico e financeiro aos concellos para que presten os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2020

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de rematar a execución dunha estrutura de retención de areas no sistema de saneamento do Concello da Guarda.

Estas infraestruturas hidráulicas, que contaron cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, foron entregadas hoxe ao Concello da Guarda, que asumirá a súa titularidade e as respectivas tarefas de mantemento.

As obras consistiron na implantación dunha arqueta na rede de saneamento, co obxectivo de solucionar os problemas de acumulación de area no sistema e mellorar o seu funcionamento.

A depuradora da Guarda recibe as augas residuais deste municipio e tamén do Rosal a través de dous colectores. Un deles, procedente da zona de Salcidos, ten unha pendente mínima, o que provocaba que se depositaran areas nel, dificultando a circulación das augas.

Coa construción desta estrutura retéñense esas areas nun punto concreto do colector procedente de Salcidos, que se preparará para que o Concello da Guarda poida recollelas e posteriormente xestionalas, como parte dos labores de mantemento na rede de saneamento.

Esta actuación enmárcase na colaboración que a Xunta está a levar a cabo con estes concellos en materia de saneamento. Ademais, súmase a un proxecto máis ambicioso, consistente nunha mellora integral do colector de saneamento do Rosal.

O Goberno galego continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que desenvolvan de xeito eficiente os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local.

Imaxes relacionadas