A Xunta enxalza o labor da asociación Emgrobes na promoción dos produtos do mar co selo de calidade pescadeRías

O Grove (Pontevedra), 9 de outubro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor o traballo da asociación Empresarios Grovenses de Bens e Servicios (Emgrobes) na difusión do valor e a calidade dos produtos do mar amparados co selo de calidade pescadeRías. Un traballo, especificou, que esta asociación realiza a través das Xornadas gastronómicas A Cociña do Mar, que hoxe celebran a súa XI edición no Grove e que están dedicadas aos bivalvos e equinodermos. Con este evento, destacou Rosa Quintana durante a súa presentación, difúndese a contorna na que se obteñen os produtos e xérase “unha importante relación entre os pequenos produtores e os consumidores, aportando un control na explotación de forma sustentable”.

Ademais a conselleira salientou a implicación dos profesionais do mar e da cociña nas xornadas e o seu éxito culinario ao que contribúe a promoción que realizan dos aportes nutritivos e saudables dos recursos. Nesta liña, recoñeceu e agradeceu os esforzos de Emgrobes para sacar adiante este evento adaptándoo ao contexto marcado pola covid-19. Tamén puxo de relevo a implicación dos sectores de extracción e comercialización de produtos do mar e da hostalaría, aos que a Xunta apoia participando nestas xornadas e que “traballaron contra vento e marea para achegarnos o mellor do mar”.
 

Imaxes relacionadas