A delegada territorial da Xunta, María Luisa Piñeiro, realiza unha visita institucional a Ponte Caldelas

A nova representante territorial analizou co alcalde desta localidade, Andrés Díaz, as demandas deste municipio relativas especialmente a política social, polígonos e patrimonio

Pontevedra, 09 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro Arco, continúa coa rolda de visitas institucionais, e hoxe mantivo un encontro co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, co que analizou as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.

Andrés Díaz trasladou a Luisa Piñeiro o interese do concello polo futuro da actividade da Casa da Quintán e nestes intres atópase pechada. Neste senso, Piñeiro informoulle do interese da Consellería de Política Social de buscar un consenso para o uso deste inmoble, unha vez que se estabilice a situación da Covid-19.

Durante o encontro tamén analizáronse varias solicitudes do concello relativas ao polígono empresarial deste concello, e en concreto, da reestruturación das parcelas da central de transporte de cara a poder darlle saída as mesmas.

A mellora da zona arqueolóxica de Tourón, a execución de novos saneamentos, ou a cesión da primeira planta do edificio anexo ao concello que é nestes intres propiedade de Medio Rural, son outros dos asuntos que se trataron na reunión mantida hoxe en Ponte Caldelas.

O alcalde agradeceulle a Luisa Piñeiro a súa visita e felicitouna polo seu nomeamento, destacando que proceda do mundo municipal e, en especial, dun concello moi similar a Ponte Caldelas, o que lle permitirá comprender mellor as necesidades deste tipo de municipios do interior.
 

Imaxes relacionadas