A Xunta iniciará o vindeiro martes as obras de mellora de drenaxe na estrada PO-307 en Vilanova de Arousa, o que fará preciso o corte da vía en Cardalda

Traballarase tamén durante as fins de semana co obxectivo de que a duración do corte baixe das tres semanas inicialmente prvistas

Habilitaranse desvíos polas estradas Vilagarcía-Cambados (PO-549), Caleiro- Vilanova (PO-302) e Vilanova-Ponte da Illa (PO-306)

As obras teñen por finalidade aumentar a capacidade de desaugadoiro dos traballos de drenaxe transversal

Os traballos, cun importe de máis de 35.000 euros e un prazo de execución de 2 meses, centraranse na substitución dos tubos de formigón existentes por outros de maior capacidade

Esta actuación complementa a construción dunha senda entre Deiro e a Ponte da Illa de Arousa, que se reiniciou en setembro tras suspenderse en verán para minimizar a afección ao tráfico
 

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2020.- A Xunta iniciará o vindeiro martes as obras de mellora de drenaxe na estrada PO-307 en Vilanova de Arousa, o que fará necesario o corte total da vía á altura de Cardalda.

Traballarase tamén durante as fins de semana co obxectivo de que a duración do corte baixe das tres semanas inicialmente prvistas.

Para facilitar a mobilidade na zona, habilitaranse desvíos polas estradas Vilagarcía- Cambados (PO-549), Caleiro-Vilanova (PO-302) e Vilanova-Ponte da Illa (PO-306).

No caso de desprazarse desde a glorieta de Cardalda ata a Illa de Arousa, circularase pola PO-549 cara á Vilagarcía e en Caleiro tomarase a PO-302 ata a glorieta de Vilanova, percorrendo a PO-306 e tomando a PO-307 cara á Illa de Arousa.

A saída dende a Illa de Arousa realizarase a partir da glorieta do punto 1+380 da PO-307, pola PO-306 ata Vilanova e continuarase pola PO-302 ata a PO-549 en Caleiro. Neste punto, o tráfico cara Vilagarcía xirará á esquerda e tomará a PO-549 con ese destino e o resto xirará á dereita e percorrerá a PO-549 cara a glorieta de Cardalda.

Este peche da circulación, cos correspondentes desvíos, permitirá avanzar na actuación co obxectivo de mellorar a insuficiente capacidade de desaugadoiro da obra de drenaxe transversal situada no punto quilométrico 0+035 da estrada PO-307.

Os traballos, cun importe de máis de 35.000 euros e un prazo de execución de 2 meses, centraranse na retirada dos tubos de formigón existentes, substituíndoos por outros de diámetro 800 mm, co consecuente aumento de capacidade.

 

 Complemento da senda

Estas obras complementan ás de construción dunha senda peonil e ciclista nesta mesma estrada, entre Deiro e a ponte da Illa de Arousa, que se reiniciaron en setembro tras ser suspendidas durante as semanas centrais do verán para minimizar a afección ao tráfico.

Esta actuación forma parte do novo itinerario impulsado pola Xunta en dous tramos, no citado itinerario da estrada PO-307, e na PO-549, desde Tarrío a Cores, xa rematado. Os traballos foron licitados por un importe de máis de 1,8 millóns de euros.

Na estrada PO-307 estase a executar unha senda pola marxe esquerda, entre o punto quilométrico 0 -na glorieta de intersección coa PO-549 e coa PO-530- e o 1+640, na ponte da Illa de Arousa.

Na PO-549, xa se ten actuado entre o punto quilométrico 6+200 -situado en Tarrío, na zona na que rematan as actuais beirarrúas- e o 7+210, que conecta cun tramo de beirarrúa executado no ano 2012 pola Xunta.

Esta actuación está incluída no Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés e está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014/2020.
 

Documentos relacionados