A Xunta estende a rede de abastecemento de auga á parroquia de Tribás, en Pantón, logo dun investimento de 253.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que xa se formalizou a entrega ao concello para a súa posta en funcionamento

Pantón (Lugo), 9 de outubro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou os traballos de construción do abastecemento de auga na parroquia de Tribás, en Pantón, nos que investiu 253.000 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto de recepción da obra, ao que seguiu a inmediata formalización da entrega ao concello, que se encargará da súa posta en funcionamento.

O proxecto requiriu a execución dunha nova captación e dun depósito, ademais da instalación material da nova rede de abastecemento ata as vivendas, coas características axeitadas para dar servizo non só ao medio cento de veciños e veciñas que residen habitualmente no núcleo senón a toda a poboación que puntualmente pode confluír en determinadas épocas do ano.

Acompañado polo alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, o delegado visitou a zona e destacou a importancia de dotar aos núcleos rurais “de infraestruturas básicas como o abastecemento, para garantir servizos de calidade e facilitar o asentamento de poboación moza”.

Actuacións

Os traballos consistiron na construción dun pozo profundo de barrena para instalar a bomba somerxible encargada dos traballos de impulsión e un depósito de auga cunha capacidade de 25 metros cúbicos, dotado de sistema de cloración. A cámara de chaves dispón de dous departamentos, un específico para aloxar o depósito de cloro e outro para valvulería e sistema de análise de auga en continuo para regular a dosificación de cloro e cumprir os parámetros sanitarios nos puntos de consumo.

A rede de abastecemento está formada por tubaxes de plietileno de alta densidade. Dispuxéronse as correspondentes válvulas de peche para sectorizar a rede e evitar cesar a prestación do servizo en caso de fugas, e instaláronse bocas de rego.

Imaxes relacionadas