A Xunta incide na necesidade de abordar a dispersión da poboación na planificación das políticas europeas

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da delegación española do Comité Europeo das Rexións, preparatoria da reunión plenaria da próxima semana

Galicia presentou as súas emendas a cinco borradores de ditames en materia de demografía, innovación, cambio climático e fondos estruturais

O Goberno galego aposta polas infraestruturas verdes e por unha maior cooperación interrexional para buscar solucións ao lixo mariño

Bruxelas, 8 de outubro de 2020

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo presentou hoxe as propostas da Xunta a cinco borradores de ditames en materia de demografía, innovación, cambio climático e fondos estruturais, no marco das reunións preparatorias do pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR). O pleno celebrarase do 12 ao 14 de outubro en formato semipresencial.

A Xunta incide en afrontar o reto demográfico de forma transversal, avaliando o seu impacto en todos os programas e políticas da UE, para poder combater mellor a brecha social, económica e territorial dos territorios afectados por despoboamento. Así o reflicte na emenda ao ditame “Cambio demográfico: propostas para cuantificar e afrontar os seus efectos negativos nas rexións da UE”, na que a Administración autonómica destaca que a dispersión da poboación debe ser un factor para ter en conta na planificación das políticas europeas, xunto co de densidade de poboación, xa amplamente utilizado.

Por outra parte, o Goberno galego propón incluír no cadro de indicadores da innovación rexional a inclusión de novas categorías, en liña cos xa utilizados na execución dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ou nas estratexias de especialización intelixente, co obxectivo de que reflictan mellor os esforzos públicos por promover a innovación. Galicia presentou cinco emendas ao ditame sobre este marcador que clasifica a 238 rexións europeas segundo a súa capacidade de innovación, co obxectivo de asegurar un mellor funcionamento.

Pola súa banda, o borrador de ditame sobre o Pacto Europeo polo Clima recibe tres emendas para que a versión final inclúa unha mención ás “infraestruturas verdes”, un concepto no que a Xunta está a traballar e que permite poñer en valor a capacidade da natureza para facilitar bens e servizos ecosistémicos múltiples e valiosos.

Por último, no ditame sobre o Novo Plan de acción para a economía circular, presentado pola Comisión en marzo, Galicia insta a unha maior cooperación interrexional na procura de solucións ao problema do lixo mariño.

Participación de Galicia no Comité Europeo das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Imaxes relacionadas