Portos de Galicia continuará a tramitación da dragaxe do Lérez coa maior celeridade e con todas as garantías ambientais

A presidenta do ente público respondeu a unha pregunta sobre a tramitación desta actuación na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten comprometidas as partidas orzamentarias necesarias para continuar coa tramitación da dragaxe do Lérez “coa maior celeridade posible pero respectando, como non pode ser doutro xeito, todas as garantías ambientais”. Así o confirmou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, na resposta a unha pregunta sobre a tramitación desta actuación formulada esta mañá na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia.

Susana Lenguas insistiu na “firme vontade política” da Xunta de Galicia de sacar adiante esta tramitación coa maior axilidade posible pero reiterando que se trata dun procedemento longo dada a complexidade técnica, ambiental e administrativa da actuación e o alto número de administracións e entidades que interveñen nela.

Neste sentido, lembrou que Portos de Galicia “ten investido o seu esforzo en dar resposta a unha demanda social e do sector portuario vixente dende hai case unha década” e que ata o momento o ente público destinou a esta tramitación aproximadamente 200.000 euros e centos de horas de traballo do seus técnicos.

Polo que respecta ao estado actual da tramitación, Susana Lenguas informou de que en decembro de 2019 Portos de Galicia licitou a execución dunha nova batimetría e analíticas de áridos para actualizar os datos recompilados anteriormente, unha vez decidido o cambio do punto de depósito do material dragado para desbloquear a tramitación “en coherencia coa filosofía permanente da Consellería do Mar de procurar o consenso co sector en todas as súas actuacións”.

Esta licitación, non obstante, viuse afectada polo estado de alarma debido á crise sanitaria polo que o contrato para estes traballos quedou asinado finalmente o pasado mes de xuño e Portos de Galicia recibirá os resultados nun prazo estimado dun mes. “Estes documentos son básicos pero preliminares para continuar coa redacción dos demais estudos ambientais que é necesario actualizar para iniciar de novo a tramitación ambiental que esixe esta obra”, engadiu.

O proxecto de dragaxe da bocana de acceso á ría de Pontevedra prevé actuar sobre unha superficie de 300.000 metros cadrados nunha lonxitude de case catro quilómetros, que serán dragados ás cotas -1 e -7. Isto suporá a retirada de entre 350.000 e 400.000 metros cúbicos de materiais, tanto áridos grosos como finos, e un investimento público de 4,5 millóns de euros.