A Xunta aclara que o concello baionés non foi quen de poñer a disposición os terreos requiridos para actuar na fase 2 de Sabarís

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, sinala que é precisamente a administración local a que non está a cumprir coas obrigas que recolle o convenio

A nova representante autonómica recorda que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda “estivo en todo momento colaborando, ao lado do Concello”

Vigo, 8 de outubro de 2020

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, lamentou hoxe que o Concello de Baiona decidise xudicializar a execución da Fase 2 de Sabarís, tendo en conta que é precisamente a administración local a que non está a cumprir coas obrigas que recolle o convenio de colaboración addendado ata en cinco ocasións, segundo sinalou.

A nova representante autonómica, que tivo a oportunidade de reunirse este mércores co munícipe baionés, Carlos Gómez Prado, e abordar precisamente este tema, apelou á “colaboración e a cooperación” entre administracións como premisa básica do Plan Hurbe. Así, recordoulle ao alcalde que de non ser porque o Concello non foi quen de poñer a disposición da Xunta os terreos requiridos para actuar nesta fase, a humanización da Praza de Sabarís estaría xa rematada.

O proxecto para a recuperación da rúa Julián Valverde e Porta do Sol (dende o cruce rúa José Pereira Troncoso – rotonda Santos Peralta), conta co proxecto redactado e o orzamento previsto para esta actuación é de preto de 1,2 millóns de euros. Unha partida que, tal e como apuntou Fernández-Tapias, foi desbloqueada ante a imposibilidade de executar a obra. “Tíñamos hipotecado un orzamento para outros proxectos de mellora das contornas urbanas doutros concellos”, aseverou, para explicar a razón da resolución do convenio (febreiro de 2020).

Así, á espera de que o Concello cumpra coas súas obrigas e poña a disposición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda os devanditos terreos, a delegada territorial lamentou a actitude do Goberno local, en tanto en cuanto “coacciona á Xunta para disimular a súa falta de xestión e implicación no proxecto”. Unha actitude que contrasta coa do Executivo autonómico, dixo, posto que a Consellería “estivo en todo momento ao lado do Concello, atendendo e colaborando co mesmo para desbloquear a actuación, e aínda así non foi capaz”.

Plan Hurbe

Cómpre lembrar que no marco marco do Plan Hurbe, durante o período 2010-2018, executáronse un total de 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se interveu en case o 40% dos municipios galegos. Só no 2019 se asumiron preto de 90 novos compromisos de colaboración ao abeiro deste mesmo programa para os que se mobilizaron 12,9 millóns e en 2020 mobilizamos 6,5 millóns para actuacións urbanísticas a nivel municipal.

A Xunta defende un urbanismo responsable en toda a comunidade e apostar pola recuperación e o reequilibrio territorial entre as vilas e cidades galegas.