A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta relacionada coa empresa Thenaisie Provoté

A Xunta traballa na busca dun socio industrial que permita manter a produción e garantir a viabilidade de Thenaisie Provoté

A conselleira do Mar lembrou que o Executivo galego está en contacto desde o primeiro momento co comité de empresa, cos propietarios da firma e con posibles socios investidores co obxectivo de atopar unha solución

O Goberno autonómico destaca a importancia desta conserveira, que conta con instalacións modernas, marcas comerciais recoñecidas e persoal cunha longa experiencia no sector

Rosa Quintana considera que Thenaisie Provoté ten futuro da man dun socio industrial que aposte por unha xestión baseada na experiencia e no coñecemento da produción e do mercado

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta está a traballar na busca dun socio industrial que permita reconducir a situación da conserveira Thenaisie Provoté, manter a produción e garantir a súa viabilidade. A titular de Mar lembrou que desde o primeiro momento distintos representantes do Executivo galego están en contacto co comité de empresa da firma, cos seus propietarios e con posibles socios investidores co obxectivo de buscar a mellor saída posible á súa situación económica actual.

Precisamente o Goberno autonómico trasladou o pasado luns aos representantes dos traballadores todas as xestións que está a realizar e os contactos que está a manter na procura dese socio industrial que contribúa a garantir a continuidade da actividade actual. De feito, subliñou a titular de Mar, a Xunta aposta por unha solución que implique centrar o capital industrial conserveiro en Galicia.

Rosa Quintana incidiu en que Thenaisie Provoté conta con instalacións modernas, marcas comerciais recoñecidas e persoal cunha longa experiencia, polo que destacou a importancia de atopar un socio industrial que garanta a viabilidade da empresa e o mantemento do emprego. Nesta liña, a conselleira do Mar asegurou que esta conserveira ten futuro da man dun socio industrial e sempre que na súa xestión primen a experiencia e o coñecemento da produción e do mercado.

A representante do Executivo galego subliñou que a Xunta está en contacto permanente cos representantes dos traballadores e que os mantén informados en todo momento das xestións que se están a realizar ao tempo que lembrou que o pasado venres o Goberno autonómico xa deu conta destas xestións na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo e que está a traballar unido na busca dunha saída para a empresa mediante a entrada dun socio industrial.

Imaxes relacionadas