A Xunta conclúe o trámite ambiental da modificación puntual do PXOM de Ribeira para ampliar o solo industrial urbanizable

A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático establece unha serie de determinacións que o concello debe considerar antes de aprobar provisionalmente o plan e remitilo a continuación a Urbanismo

Con esta modificación, o municipio pretende reordenar a superficie industrial programada no plan xeral e clasifica un novo solo urbanizable

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de ditar a súa Declaración Ambiental Estratéxica sobre a modificación puntual do PXOM de Ribeira, coa que o concello aspira a reordenar a súa superficie industrial, desclasificando os dous solos programados inicialmente no planeamento e clasificando outro novo urbanizable.

Con esta resolución ponse fin á tramitación ambiental ordinaria do plan, durante a cal se foron integrando as consideracións establecidas polos diferentes órganos sectoriais, así como as principais cuestións ambientais expostas.

En todo caso e atendendo ás demandas de abastecemento e saneamento que previsiblemente xerará o funcionamento do novo polígono industrial, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático determina na súa resolución que se deberán establecer as previsións das obras necesarias para ampliar e reforzar os sistemas xerais en materia de augas existentes e exteriores ao sector.

O Concello de Ribeira, por conseguinte, deberá considerar o sinalado pola Xunta na Declaración Ambiental Estratéxica antes de aprobar provisionalmente a modificación do PXOM, paso previo á remisión do plan á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para a súa aprobación definitiva.