A delegada territorial da Xunta en Vigo visita as obras da Asociación de Veciños Camiño Vello e Cristo da Victoria en Coia

Marta Fernández-Tapias puxo en valor a decidida aposta do Goberno galego por fomentar o movemento veciñal, cunha liña de apoios para obras e equipamento que este ano beneficiou con máis de 623.700 euros a 47 entidades da área viguesa

Vigo, 6 de outubro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe as obras realizadas na Asociación de Veciños Camiño Vello e Cristo da Victoria en Coia ao abeiro da orde de axudas da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo destinadas a melloras nas infraestruturas e equipamento destas entidades.

Así, no primeiro caso, na Asociación de Veciños Camiño Vello a achega recibida, por importe de 14.484 euros, adicouse a reparación e pintado das paredes, cambio de luminarias, renovación do chan dunha das salas do inmoble e cambio da claraboia. Asemade, renovouse o equipo de proxección.

En canto á Asociación de Veciños Cristo da Victoria, que resultou beneficiaria dunha axuda de 11.918,50 euros, neste caso reparáronse as fendas dos muros exteriores, realizáronse melloras de eficiencia enerxética co cambio de luminarias, igualouse o falso teito e a tarima da sala e acondicionouse o almacén como espazo polivalente para clases e reunións.

Neste contexto, a representante autonómica puxo en valor a decida aposta do Goberno galego por fomentar o movemento veciñal, cunha liña de apoios para obras e equipamento que na derradeira convocatoria incrementouse nun 70% ata alcanzar os 2,5 millóns de euros. Desta cantidade, 47 asociacións e comunidades de usuarios da área territorial de Vigo beneficiáronse de máis de 623.700 euros.

Imaxes relacionadas