A Xunta reforzará desde o vindeiro mércores a conexión de autobús entre Montouto, en Abegondo, e A Coruña coa posta en marcha de novos servizos
Entrarán en funcionamento dous servizos adicionais: un ás 10:30 horas, con orixe na Coruña e destino en Montouto e outro ás 20 horas no percorrido inverso
O servizo das 6:15 horas desde Mezonzo atrásase ás 7:25 para recuperar a expedición de Montouto cara A Coruña, pasando pola primeira localidade ás 8:45
Aumentarán as conexións entre A Coruña e Montouto na franxa de mediodía ao mudar o sentido da expedición das 14 h, cuxa saída será desde a cidade herculina
A Xunta, co novo Plan de Transporte Público, continua ampliando a cobertura do autobús e mellorando os servizos para responder ás necesidades dos cidadáns
A Xunta reforzará desde o vindeiro mércores a conexión de autobús entre Montouto, en Abegondo, e A Coruña, coa posta en marcha de novos servizos.
Coa fin de facilitar a mobilidade dos veciños desta área, entrarán en funcionamento dous servizos adicionais: un ás 10:30 horas, con orixe na Coruña e destino en Montouto e outro ás 20:00 horas no percorrido inverso.
Estas novas expedicións, que veñen a incrementar as opcións de comunicación nesta contorna, prestaranse de luns a venres durante todo o ano.
Tamén se modificará o servizo das 6:15 horas con saída desde Mezonzo, en Vilasantar, que se atrasará ás 7:25. Este axuste permite recuperar a expedición con saída dende Montouto cara A Coruña, ás 9 horas, pasando pola primeira localidade ás 8:45, aproximadamente.
Estas melloras nos servizos tamén inclúen o aumento de conexións entre A Coruña e Montouto, na franxa horaria comprendida entre as 12 e as 16 horas. Para isto, mudará o sentido da expedición das 14 horas, cuxa saída será desde a cidade herculina.
A Xunta, a través do novo Plan de Transporte Público de Galicia, continúa ampliando a cobertura do autobús e mellorando os servizos para responder ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.